Escoitar

Entrega do premio integración das persoas con discapacidade

xoves, 31 xan 2002
A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, entregará o premio de integración 2001 ós veciños e veciñas do barrio da Florida pola súa implicación coas persoas con discapacidade.

Dende hai catro anos o Concello de Vigo, a través da Concellería de Benestar Social, entrega os premios de integración de discapacitados a aquelas persoas, entidades ou empresas que máis teñan traballado a prol da integración das persoas con discapacidade. O premio consiste nunha placa cunha inscrición que recoñece ese labor desenvolvido e será entregada pola concelleira de Benestar Social.

As propostas dos candidatos ó premio realízanas as asociacións de persoas con discapacidade que integran el Gabinete Técnico de Accesibilidade e tras unha votación sae o/a elixido/a.

Este ano, tras ese proceso, o premio integración concedeuse ós veciños e ás veciñas do barrio vigués da Florida pola súa implicación, sensibilidade e solidariedade coas persoas con discapacidade. Nesta zona emprázase a Asociación APAMP, entidade que propuxo o premio. Tamén este ano e por primeira vez concedeuse o premio á non integración que ten recaído no escritor e columnista D. Alfonso Ussía por un artículo publicado no periódico ABC en novembro de 2000.

A entrega do premio realizarase o xoves 31 de xaneiro de 2002 ás 19 horas na planta 11ª do Concello e ó acto están convidados ademais dos premiados, a Corporación Municipal, as asociacións de discapacitados da cidade e os membros do Gabinete Técnico de Accesibilidade, entre outros.