Escoitar

Lois Castrillo presenta a guía do sendeiro das Greas editada pola Mancomunidade

mércores, 30 xan 2002
imx1041.jpg
O presidente da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, Lois Castrillo, presentou a Guía do sendeiro das Greas, un folleto de 63 páxinas no que se describe polo miúdo o trazado do GR-58, o sendeiro das Greas. Este camiño, atravesa os concellos da Mancomunidade facendo un percorrido de máis de 200 kilómetros. A Guía pretende ser un elemento de apoio aos amantes do senderismo e un instrumento de promoción turística da bisbarra.

O sendeiro cruza as serras do Suído, o Galleiro e a Grova, varios vales fluviais e zonas costeiras. No seu decurso atópanse xacementos prehistóricos e construccións medievais, parques forestais e fermosos miradoiros. A Mancomunidade ocupouse de sinalizar o sendeiro, instalar paneis de información e acondicionar as marxes. Ademais, contratouse un equipo de traballo que se encarga do seu mantemento. Nesta actuación investíronse máis de 361 mil euros procedentes dos fondos Proder da Unión Europea.

A Guía que se acaba de presentar divide o sendeiro en 26 itinerarios de 6 a 15 kilómetros de lonxitude, describe o trazado, a súa dificultade e os elementos de interese que se poden atopar no percorrido. O complemento da Guía é un plano turístico dos concellos da mancomunidade no que aparece reflectido o percorrido do sendeiro.

A elaboración da Guía foi posible gracias á colaboración da Federación Galega de Montañismo. A tirada inicial é de 3.500 exemplares que serán distribuidos por cada un dos concellos da Mancomunidade.
Descargar todas as imaxes