Escoitar

Parques e Xardíns conclúe a remodelación da praza do Emigrante

mércores, 30 xan 2002
A Concellería de Parques e Xardíns finalizou a remodelación da praza do Emigrante, nos xardíns Castelao, cunha actuación en 300 m2 de zona verde trala degradación sufrida por actos vandálicos e polos temporais do ano pasado.

A remodelación consistiu na recuperación de parterres de xardín mediante a plantación de masas de arbustos resistentes como berberis, azaleas e pyracanthas, tres camelios de gran porte e unha ave do paraíso branca, único exemplar existente nos espacios públicos que contribúe a enriquecer a diversidade botánica da cidade.

O concelleiro de Parques e Xardíns, Henrique Vieitez, explicou que con este axardinamento se pretendeu dotar de volume e cromatismo o contorno dunha praza intensamente usada polos cidadáns.

De forma complementaria, realizouse unha actuación para mellorar o pavimento, a zona do parque infantil e o mobiliario urbano. Proximamente se creará un espacio reservado para cans no entorno da praza. O custo total da remodelación foi de 1.500.000 pesetas.