O Consello Municipal da Muller adhírese ás demandas dos familiares e enfermos de cancro
Os familiares e enfermos de cancro seguimos lembrando ós responsables da sanidade e da política que o ben da Saúde é un dereito de tódalas persoas e que é de xustiza pór a medicina actual e os medios necesarios para vencer ou deter o cancro e que estea ó alcance de todas as persoas para poder vivir.
Dende o mes de outubro do 2000, vimos denunciando as carencias deste sector de oncoloxía, cousa que coñecen tódolos responsables que deben dar solucións.
Neste momento, ante pequenas e insuficientes melloras – xa que sempre chegan demasiado tarde a solucionar os problemas – seguemos lembrando ó Conselleiro de Sanidade, Director Xeral do SERGAS, Xerencia do Hospital Xeral Cíes e tamén ó Concello, que seguen sen cumprir, ou sen remediar con suficiente rapidez, as promesas:
1. A Nova Planta de Oncoloxía, coa capacidade necesaria para poder atender ó número crecente de doentes que xa excede a media de 40 a 50 diarias, tanto para consulta como para tratamento de quimioterapia.
2. Na actualidade, hai un oncólogo máis, resposta insuficiente xa que se necesitaría máis persoal facultativo e asistencial en xeral, ante a crecente demanda de doentes nesta especialidade.
3. Os Fármacos, tan desexados para as persoas que padecemos esta enfermidade, suponnos un sinfín de burocracia e de tempo de espera que parécenos eterno, posto que en cada minuto vanos a vida. Constatamos que na medicina privada obtense os resultados e tratamentos con toda rapidez.
4. Denunciamos a demora na realización de probas radiodiagnósticas que non cumpre as demandas solicitadas polos oncólogos.
5. O Hospital de Día continua co mesmísimo gran problema das xa tan coñecidas 4 camas, 8 cadeiras de brazos, e 3 cadeiras (que poden ser igual ás das cociñas das nosas casas) tendo habitualmente que oí-lo temido “volva vostede mañá”.
6. A atención psicolóxica para doentes e familiares segue sendo insuficiente.
7. Demandamos tamén un puntual servicio de ambulancias que non demore o traslado destas persoas doentes.
Recoñecemos que se ben houbo algunhas melloras tales como a informatización ou a presencia dun oncólogo máis en cadro de persoal os demais problemas graves e urxentes seguen sen se resolver.
¿Ata cando continuaremos agardando?
Vigo, 29 de xaneiro de 2002
CONSELLO MUNICIPAL DA MULLER