Escoitar

O 84% dos usuarios do Centro de día para persoas maiores son mulleres

xoves, 31 xan 2002
A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, presentou o balance anual do Centro de día do hospital da Cruz Vermella que atende a 20 persoas maiores froito dun convenio asinado co Concello de Vigo.

Os Centros de día son espacios nos que o usuario recibe unha atención personalizada para mellorar o seu estado vital en xeral, en compaña doutras persoas maiores do seu contorno que se encontran en similares circunstancias.

O Concello de Vigo concertou 20 prazas froito dun convenio de colaboración e catro delas están reservadas para persoas afectadas de Alzheimer. Durante o ano pasado atendéronse 22 usuarios e 70 demandas de información. O presuposto é de 13 millóns de pesetas.

No 2001 déronse de alta no Centro de día dous novos usuarios e déronse de baixa definitiva tres persoas por deterioro incompatible coa súa permanencia no centro. A distribución por sexos é de 84% de mulleres e 16% de homes e a idade media sitúase en torno ós 82 anos. O 5% de usuarios viven sos, o 15% en parella, o 73% con familiares e o 5% con coidadores.

O Centro de día para persoas maiores é un recurso sociosanitario fundamentado polo progresivo envellecemento da poboación e pola crecente demanda social destes servicios, xa que a oferta de recursos destinados para persoas maiores de índole asistencial, recreativa, terapéutica ou social é limitada.

O feito de que cada vez sexa maior a esperanza de vida provoca un aumento significativo da dependencia, o que xustifica a creación de establecementos nos que se procure a estimulación dos usuarios co fin de minimizar o deterioro psicofísico e manter niveis óptimos de funcionalidade e autonomía persoal.