Escoitar

Ignacio López-Chaves visita a horta ecolóxica do CEIP "Escultor Acuña"

O concelleiro de Educación, Ignacio López-Chaves, visitou hoxe venres o CEIP "Escultor Acuña" para coñecer de primeira man o proxecto didáctico de horta ecolóxica que se leva a cabo neste centro durante o presente curso escolar.

venres, 21 abr 2006
1145607451huertoEscAcu.jpg
O proxecto didáctico "Unha horta ecolóxica na escola", que se vén desenvolvendo ao longo deste curso no CEIP "Escultor Acuña", foi un dos proxectos seleccionados no "concurso de ideas para a elaboración e desenvolvemento de programas educativos" que promoveu o Servizo de Educación do Concello de Vigo.

A implicación do claustro de profesores deste centro de ensino, permitiu que preto de 400 escolares de tres a doce anos participaran na tarefa de pór en marcha unha horta ecolóxica desde os seus inicios. Así, os alumnos levaron a cabo a preparación do terreo, roturado, sementado, rego, mantemento e recolección.

Estes labores, que nun principio poderían parecer complexos para unhas mans tan pequenas, están a resultar un éxito, xa que para moitos nenos/as que descoñecían os traballos do campo, a actividade na horta convertiuse nunha ferramenta didáctica para fomentar a súa responsabilidade no coidado e respecto polo contorno natural e para aumentar a súa conciencia ecolóxica, xa que non se empregaron productos químicos, nin insecticidas, nin abonos industriais.

A utilización do contorno próximo ao neno/a para o estudo da problemática medioambiental fai que este teña mais empatía co medio natural e contribúa a conservalo para as xeracións presentes e futuras.

O alumnado, dun xeito lúdico, observou con abraio e orgullo cómo medraban as verduras e hortalizas, tan necesarias e saudables na dieta alimenticia cotiá. Ademais, aprendeu conceptos básicos de xardinería e empregou apeiros e ferramentas básicas de labranza, analizou o PH do solo, as horas de insolación e nivel de pluviosidade, coñeceu a estacionalidade dos cultivos, e realizou coidados fitosanitarios de loita biolóxica e prevención de pragas de pulgón, formiga, chinche e lombriga. Así mesmo, os alumnos elaboraron sementeiros e plantaron bulbos e flores, utilizaron o composteiro, fixeron espantallos, e utilizaron fichas didácticas, cancións e xogos relacionados.

Nos catro bancais existentes, duns 20 metros cadrados cada un, sementáronse acelgas, allos, brécol, cebolas, fabas, espinacas, leitugas, tomates, pementos, amorodos, plantas medicinais como a estruga (para facer purín), e plantas aromáticas como o tomiño, ourego, lavanda, menta e romeu.

Froito da estreita colaboración entre o Servizo de Educación do Concello, a Empresa Trillium, especializada en asesoramento ambiental, e a implicación activa de toda a comunidade educativa do Centro Público de Infantil e Primaria "Escultor Acuña", faise realidade esta pequena horta ecolóxica, que dado o seu resultado tan positivo, se ten decidido ampliar e extrapolar a outros centros de ensino para o vindeiro curso escolar.
Descargar todas as imaxes