Escoitar

Presentado o libro "Pano de lona"

"Pano de Lona" é o título do libro que editou o Arquivo Pacheco e que presentou o luns a alcaldesa, Corina Porro, un acto que se celebrou no Verbum, con motivo da saída da volta ao mundo de vela.

martes, 8 nov 2005
1131456179pano.jpg
Portada do libro
O libro recolle trece historias en prosa, doutros tantos escritores e escritoras galegos, que falan cada un deles dunha imaxe elixida polo Arquivo relacionada co mar e a vela. Os escritores que participan na edición do libro son Marilar Aleixandre; Darío Xohán Cabana; Cid Cabido; Rosa Aneiros; Fina Casalderrey; Xurxo Borrazás; Luisa Castro; Anxos Sumai; Víctor Freixanes; Fran Alonso; Agustín Fernández Paz; Xurxo Souto e Gonzalo Navaza.

A edición de "Pano de Lona" conta coa colaboración da Fundación Caixa Galicia.

36.000 microbombillas iluminan a rúa Príncipe

A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, inaugurou o luns o proxecto "Un mar de luces", que o Concello pon en marcha con motivo da saída de Vigo da Volta ao Mundo a Vela e en virtude do cal a rúa Príncipe, unha das mais céntricas da cidade, permanecerá iluminada todos estes días cun manto de luces brancas. 36.000 microbombillas de baixa potencia conforman unha cortiña de luz cunha potencia de 17.280 vatios.

A alcaldesa percorreu a rúa, iluminada dende o cruce con Urzaiz ata a Porta do Sol. Ademais, o Concello pon en marcha para os días previos á saída da regata a iluminación dinámica, na súa configuración de festa, que se instaló en diversos edificios emblemáticos da cidade dentro do proxecto Ilumina Vigo, e que afecta á Casa das Artes, a Biblioteca Central e á Casa Galega da Cultura.
Descargar todas as imaxes