Escoitar

O Berbés acolle as xornadas gastronómicas "Un mar de sabores" a partir do mércores

O porto do Berbés acollerá, do mércores 9 ao domingo 13 de novembro, as xornadas gastronómicas "Un mar de sabores". Nelas celebrarase a riqueza marisqueira do noso mar para proveito dos vigueses e daqueles que visiten a nosa cidade co gallo da saída da Volvo Ocean Race.

luns, 7 nov 2005
1131373859marisco.jpg
Serán as empresas marisqueiras que operan no porto pesqueiro as encargadas de fornecer a gran variedade de produtos que se poderá degustar nesta festa enmarcada no programa Vigo 2005. O espazo para as carpas, que ocuparán unha superficie de 2.400 metros cadrados, cédeo a Autoridade Portuaria. A concelleira de Turismo, Lucía Molares, salientou neste sentido, hoxe luns, a importancia de "xuntar o sector privado e as administracións nun evento que satisfaga a toda a cidade de Vigo".

A carta de "Un mar de sabores", redactada en castelán, inglés e alemán, inclúe marisco para todos os gustos, con prezos que van dos 3 euros da unidade de vieira ou da ración de mexillóns aos 30 das empanadas. Xunto ás de bogavante, zamburiñas, vieiras e outras especies de marisco, serviranse tamén empanadas de polbo, chocos, luras, bonito, bacallau e carne. Ademais, levarán cazolas ou pratos de recordo os que degusten ameixas á mariñeira, arroz de mariscos, berberechos ao vapor, percebes con cachelos e polbo á feira.

Todos estes manxares virán acompañados de postres típicos, como as filloas á pedra, o roscón e o queixo de tetilla, e tamén de bebida. Neste apartado poderase optar pola auga, os refrescos e o viño (Albariño, Ribeiro ou mencía).

Así mesmo, como complemento aos froitos do mar e da terra, as xornadas gastronómicas ofrecerán, a través de distintos stands, espazo para a artesanía, o maquetismo naval e o humor de Gogue, que contribuirá á festa cun conxunto de caricaturas de figuras musicais. Tamén haberá lugar para a música tradicional, coa actuación de varios grupos folclóricos nas diversas carpas.

Os stands de degustación estarán abertos de 11:00 a 16:15 e de 19:00 a 23:00. Os tiquets poderán adquirirse na caixa de 11:00 a 15:45 e de 19:00 a 22:45. As xornadas inaugúranse o próximo mércores día 9 ás 13:00.
Descargar todas as imaxes