Escoitar

O Concello aproveita as infraestuturas escolares para aproximar as bibliotecas públicas aos barrios

O concelleiro-delegado da Área de Asuntos Sociais, Ignacio López-Chaves, anunciou hoxe luns a aprobación, por parte da Xunta de Goberno Local, do expediente de contratación dos servizos de bibliotecas públicas de proximidade do Concello de Vigo.

luns, 7 nov 2005
1131374097xunta.jpg
A contratación deste servizo consistirá na prestación de servizos de biblioteca pública de proximidade en bibliotecas, situadas en centros escolares, abertas ao público das súas respectivas zonas de influencia. Entre estes servizos están o préstamo a domicilio, sección infantil e xuvenil, consulta en sala, actividades complementarias e outros própios de bibliotecas públicas que o Concello poida determinar. Así mesmo, o espazo bibliotecario cobrará protagonismo como centro de información, co emprego dos recursos informáticos e de telecomunicacións actuais.

O proxecto trata de pór en marcha unha experiencia piloto de creación dun "servizo de bibliotecas públicas de proximidade" partindo dunha "rede de bibliotecas escolares", ofrecendo servizos equiparables aos das axencias de lectura. Os centros seleccionados polo Concello son, inicialmente, o CEIP Bouzas-Rocío, o CEIP Frián-Teis e o CEIP "Doutor Fleming". Segundo explicou Ignacio López-Chaves, con esta iniciativa o departamento de Educación quere aproxiamr as bibliotecas aos barrios de Vigo.

A duración do contrato será de 22 meses, abranguendo a aplicación do proxecto piloto dous cursos escolares, desde o 1 de novembro de 2005 ata o 31 de agosto de 2007. O prezo de contratación para este periodo contractual ascende a algo máis de 114.000 euros.

Convenio cos sindicatos

Por outra parte, a Xunta de Goberno Local tamén lle deu o seu visto bo hoxe luns, por 100.000 euros, a un convenio de colaboración con CCOO, CIG e UXT polo cal se regulan as concesións de funcionamento dos servizos de información destas centrais sindicais. Este convenio estará vixente ata o 31 de decembro de 2006.

Ademais, resultaron aprobados os expedientes de contratación das obras de reparación e acondicionamento da cuberta e fachadas do pavillón polideportivo do Berbés, por 60.000 euros, e das obras de contrución e rehabilitación de muros en Alfonso XIII-Renfe (70.530 euros), no parque Camilo José Cela (81.332) e na praia da Punta (38.579 euros).
Descargar todas as imaxes