Escoitar

A Oficina Municipal de Voluntariado ofrece tres cursos de formación no segundo trimestre deste ano

A oferta formativa da Oficina Municipal do Voluntariado para o segundo trimestre deste ano consiste nun curso básico de iniciación ao voluntariado e outros dous de apoio a eventos deportivos e voluntariado en medio ambiente.

xoves, 28 abr 2005
1114693056voluntad.jpg
A Oficina Municipal de Voluntariado (OMV) ofrécelles a aqueles que queiran formarse como voluntarios varios cursos ao longo do segundo trimestre deste ano. Todos eles se impartirán no Centro Cívico Casco Vello (rúa Oliva, 12).

O primeiro deles é un curso básico de iniciación ao voluntariado que se desenvolverá do 3 ao 12 de maio, de 19:00 a 21:00. As oito horas de duración deste curso divídense en módulos de dúas horas. Os dous primeiros, "Identidade do voluntario" e "Marco legal do voluntario", son obrigatorios para todos os participantes. Os opcionais, dos que se escollerán dous, son "Acompañamento a persoas maiores", "Acompañamento a menores", "Educación medioambiental" e "Ocio e discapacidade". O prazo para inscribirse neste curso acaba mañá venres, día 29 de abril.

O curso de voluntariado en apoio a eventos deportivos está pensado para todos aqueles voluntarios que colaboran na organización de eventos deportivos e culturais. Este curso, que se desenvolverá do 18 ao 21 de maio, ten oito horas de duración, distribuídas en catro módulos de dúas horas, que tratan dos tipos e estructuras organizativas dos eventos deportivos, das responsabilidades e funcións dos voluntarios, da presentación dun caso práctico e dos primeiros auxilios básicos. Os interesados teñen ata o 13 de maio para se inscribiren.

Por último, do 8 ao 11 de xuño terá lugar o curso de voluntariado en medio ambiente, tamén de oito horas, que consitirá en tres módulos: "Caracterización e estudo do medio ambiente", "Problemática medioambiental e desenvolvemento de solucións", e "Traballo práctico de investigación medioambiental". O prazo de inscrición finaliza o 3 de xuño.

Para poder participar nos cursos de apoio a eventos deportivos e voluntariado en medio ambiente é preciso ter realizado o curso básico de iniciación ou acreditar unha formación básica en voluntariado.

A Oficina Municipal de Voluntariado recomenda inscribirse o antes posible, xa que o número de prazas é limitado. Terán preferencia aquelas persoas que xa sexan voluntarios da OMV. Os cursos son gratuítos.

Para máis información pódese acudir á propia OMV, chamar ao 986 810 213 ou ben enviar un e-mail a ofi.voluntariado@vigo.org.
Descargar todas as imaxes