Escoitar

Marta Iglesias abre as VIII Xornadas de Xuventude e Iniciativas de Emprego

A concelleira de Participación Cidadá, Marta Iglesias, abriu as VIII Xornadas de Xuventude e Iniciativas de Emprego. Segundo Marta Iglesias, estas Xornadas servirán para que os mozos coñezan, antes de se incorporaren ao mercado laboral, os recursos que lles ofrece a administración.

mércores, 27 abr 2005
1114607639xornadas.jpg
A concelleira de Participación Cidadá, Marta Iglesias, abriu hoxe mércores as VIII Xornadas de Xuventude e Iniciativas de Emprego, nas cales colabora o seu departamento. As Xornadas organízaas a Unión Comarcal de Vigo de Comisións Obreiras (CCOO) co obxectivo de informar aos mozos sobre o proceso de entrada no mercado laboral e o funcionamento das relacións que o rexen.

Mozos e mozas de centros de ensino secundario de Vigo, Nigrán, Pontecesures e Porriño participaron no encontro. Marta Iglesias dixo deles que "teñen que tomar decisións importantes para as súas vidas e ás veces non contan coa información necesaria". A concelleira afirmou que "este programa lles dará, cando menos, unha visión xeral que lles permitirá coñecer os recursos que ofrece a administración".

As Xornadas centráronse nas axudas aos contratos á xuventude, nas que se inclúen as medidas públicas de fomento e as bonificacións e subvencións das que se poden beneficiar os mozos.

José Cameselle, secretario xeral de CCOO de Vigo interveu como relator e dixo que para a xente nova "a realidade do mercado laboral está dominada pola precariedade", xa que abundan os contratos en prácticas ou de formación, os contratos de categorías profesionais inferiores ás titulacións obtidas polo traballador, e as ETT. Segundo José Cameselle, os mozos que se afilian a algún sindicato fano "de maneira rotatoria", debido a que en moitas ocasións o seu traballo é temporal.

Tamén estivo presente nas Xornadas o xefe da Inspección Provincial de Traballo, José María Casas, quen asegurou que os mozos son, xunto coas mulleres e os parados de máis idade, un dos colectivos máis castigados no mercado laboral. José María Casas resaltou que en España o índice de contratación temporal dobra a media europea, mentres que a contratación a tempo parcial é moito menos frecuente. Segundo Casas, a temporalidade ten como consecuencia unha excesiva rotación de traballadores, o que comporta unha diminución da productividade e unha maior dificultade á hora de adquirir experiencia e estabilidade.

Outro dos relatores, o catedrático de Dereito do Traballo Jaime Cabeza, afirmou que "estes mozos, como son de módulos de FP, están ben situados ante o mercado de traballo. Moitos cursan orientación laboral e iso nótase". Jaime Cabeza considerou que "para eles, un contrato de prácticas pode ser unha boa medida de acceso" ao mercado de traballo.
Descargar todas as imaxes