Escoitar

Concello e Alcampo colaboran nun curso de caixeiro/a dentro do programa "Formación con compromiso de contratación"

A Xunta de Goberno aprobou este convenio no área de emprego, así como outro coa Asociación de enfermos de Alzheimer para a creación de prazas nos talleres ocupacionais da entidade.

martes, 26 abr 2005
A Xunta de Goberno Local deu o seu visto bo á colaboración entre o Concello, a través do departamento de Benestar Social, e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Galicia, por importe de 9.000 euros e vixente ata o 31 de decembro de 2005. O obxectivo deste acordo é a atención aos enfermos de alzheimer e aos seus familiares coa creación de prazas nos talleres ocupacionais de que dispón a asociación. Seguindo no área de Benestar Social, a Xunta aprobou o convenio coa Casa da Caridade (Comedor da Esperanza) para a atención das persoas en estado de necesidade proporcionándolles principalmente alimentos, por un importe de 15.000 euros.

No área de Desenvolvemento e Emprego resultou aprobada a programación de novas obras para o seu desenvolvemento polo Programa municipal BIAL, con inicio previsto no presente mes de abril. Entre estas obras están a remodelación dos sendeiros do parque e das gradas do Auditorio de Castrelos, a limpeza de camiños e rúas en Cabral simultaneamente coa limpeza de Lavadores, a preinstalación eléctrica nas aulas que se están a construír en Vigozoo e o cambio do tendido eléctrico do alumeado público e das lámpadas na parroquia de Cabral, entre outras.

Neste mesmo ámbito o Concello asinou un acordo coa empresa Alcampo para o desenvolvemento do curso "Caixeira/o de gran superficie 2005" dentro do programa "Formación en empresas con compromiso de contratación". Poderán inscribirse un total de 22 alumnos e o Concello aporta 2.890,80 euros en concepto de gastos docentes, material e seguro.