Escoitar

Ábrese o prazo para inscribirse no curso de cociña gratuíto para homes

A partir de mañá venres e ata o 6 de maio os homes interesados en aprender a cociñar poderán solicitar unha das 15 prazas dun curso gratuíto de cociña financiado pola Concellería da Muller. O curso impartirase no IES Manoel Antonio do 7 de maio ao 11 de xuño.

xoves, 28 abr 2005
1114693495luci2804.jpeg
A Concellería da Muller, co obxecto de propiciar o cambio de actitudes e roles tradicionalmente sexistas no ámbito doméstico, abre a partir de mañá e ata o 6 de maio o prazo de inscrición nun curso de cociña gratuíto. O curso, que se impartirá no IES Manoel Antonio do 7 de maio ao 11 de xuño, está dirixido a homes maiores de 18 anos empadroados en Vigo, que teñan interese en aprender a cociñar e facer de comer nas súas casas.

Esta iniciativa conta cunha achega de 3.000 euros por parte da Concellería da Muller. Os participantes, ademais de non pagaren nada, poderán comer as comidas que elaboren eles mesmos e recibirán un mandilón co lema do curso: "Cociñar para compartir".

Segundo explicou a concelleira da muller, Lucía Molares, é necesario "educar en criterios de igualdade", e para iso "hai que empezar a comportarse en termos de corresponsabilidade no núcleo familiar". Esta é a razon pola que Lucía Molares considera que "os homes teñen que aprender tarefas tradicionalmente destinadas a mulleres" e viceversa. A concelleira anunciou novos cursos de cociña que se desenvolverán ao longo deste ano.

Pola súa banda, o director do IES Manoel Antonio, Carlos Cotobade, dixo que é "positivo" que haxa iniciativas deste tipo e lembrou que "aos que temos agora máis de 50 anos, cando eramos novos, non nos deixaban axudar na casa aínda que quixesemos".

O curso ten 15 prazas. No caso de haber máis solicitantes decidirase quen participa por medio dun sorteo. As ensinanzas serán impartidas por Jesús Ramos, docente do Departamento de Cociña do IES Manoel Antonio, e repartiranse en seis sesións presenciais, os sábados de 9:30 a 14:30, e unha sesión non presencial de unha hora de duración.

Entre os alimentos que se prepararán no curso "Cociñar para compartir" primarán os productos tradicionais do país. Así, as seis sesións consistirán nunha viaxe pola nosa gastronomía, da pescada escalfada con crema de chícharos e "chip" de alcachofa e as vieiras á galega, ás filloas recheas de gambas e a brandada de bacallau, pasando polas luras salteadas con puré de coliflor e mollo tinto e o salpicón de peixes e mariscos.

Para se inscribiren, os interesados deben acudir ás dependencias da Oficina da Muller, no 1º andar da Casa do Concello, de 9:30 a 14:00, no prazo comprendido entre o 29 de abril e o 6 de maio, ambos os días incluídos.
Descargar todas as imaxes