Escoitar

Verbum e Universidade camiñan xuntos no plan de dinamización do museo

Concello e Universidade de Vigo asinaron un convenio para dinamizar o Museo Verbum-Casa das Palabras. A Universidade tratará de dirixir as liñas de actuación cara ao fomento dos tres grupos de visitantes principais: escolares, adultos e familias, e o Concello aportará preto de 40.000 euros.

martes, 15 mar 2005
1110894766convenio.JPG
O concelleiro de Cultura e Asuntos Sociais, Ignacio López-Chaves, e o vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia, asinaron un convenio de colaboración entre ambas entidades para a dinamización do Museo Verbum-Casa das Palabras. Este acordo, que prevé a realización de diversas actividades, especialmente as que teñan que ver con finalidades docentes, investigadoras ou comunicativas, vincula en particular ao departamento de Traducción e Lingüística da UVI. A responsable do proxecto será Maruxa Cabeza Pereiro, profesora deste área na Universidade de Vigo. O convenio terá vixencia bianual e supón un investimento de 39.926 euros.

Segundo López-Chaves a Casa das Palabras cometeu o erro de non contar inicialmente coa Universidade na súa primeira etapa, por iso quere darlle un papel fundamental na súa revitalización. O "Plan de dinamización do Museo Verbum" vai dirixido a tres sectores:

- Os escolares, a través de visitas guiadas e actividades didácticas dentro do programa "Vigo por dentro".
- Os adultos, cooperando con diversas asociacións veciñais e culturais e concertando visitas telefónicas.
- As familias, adecuando os horarios ao tempo de ocio que estas teñen.

Noutra liña de actuación, o Verbum pretende darlle proxección ao museo mediante a explotación das súas instalacións para a organización de cursos, seminarios e actividades culturais de todo tipo.

O vicerrector da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, comentou a súa satisfacción polo acordo alcanzado e explicou que os obxectivos e configuración do Verbum precisaban dun asesoramento, "non só de marketing e planificación estratéxica propia da actividade museística, senón tamén científica".

Segundo Salustiano Mato o primeiro paso foi abordar o máis inmediato, "a atracción da cidadanía", para acadar logo un nivel maior de ambición co desenrolo dunha liña de investigación. "Converter o Verbum nun centro neurálxico de seminarios, cursos e charlas que concentren a unha variedade de expertos no cultivo da palabra", explicou.

A responsable do programa de actividades do Verbum, María del Carmen Cabeza, explicou que un dos obxectivos do plan de dinamización é "facer do museo un lugar máis amable e máis atractivo para todos". Por iso, ademais de organizar actividades nas tres direccións antes citadas, as persoas con algunha minusvalía psíquica ou motriz, así como xordos ou cegos tamén terán programas específicos para o aproveitamento do museo, cuestión que se xestionará coas propias asociacións que agrupan estes colectivos.
1110894766convenio.JPG
1110894861conve1.JPG
1110894939conve2.JPG
Descargar todas as imaxes