Escoitar

Construcción dunha gardería no Calvario

Segundo o acordo aprobado pola Xunta de Goberno Local, a consellería de Familia, Deporte e Voluntariado aportaría unha cantidade de 329.000 euros para a creación dunha gardería infantil na rúa Palencia do Calvario.

luns, 14 mar 2005
Fóra da orde do día, a Xunta de Goberno aprobou o texto e a subscrición ao convenio de cooperación entre a consellería de Familia, Deporte e Voluntariado da Xunta e o Concello para a obra de construcción dunha gardería infantil municipal na rúa Palencia do Calvario. O proxecto de construcción contempla a creación dunha escola de tres unidades para menores de 0 a 3 anos, cun presuposto de 659.831,20 euros.

Dada a demanda de prazas en escolas infantís de primeira etapa na cidade, o Concello ten prevista a adxudicación das obras e a construcción da escola este mesmo ano, para poder poñela en funcionamento canto antes.

A consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado considera oportuno o financiamento das obras co fin de mellorar a asistencia aos diversos colectivos sociais do Concello, especialmente á infancia, e lograr unha cobertura axeitada e o máis ampla posible de protección e apoio ás familias. Así, a consellería aportará a contía de 329.000 euros en tres prazos e ata o ano 2007.

Pola súa parte, o Concello conta no presuposto en vigor cunha cantidade de 260.000 euros para a construcción da Escola Infantil Municipal "Palencia" e facer fronte á súa parte do compromiso.