Escoitar

O Concello e Federación Olívica de ANPAS colaboran nos comedores escolares

A Xunta de Goberno Local aprobou un convenio polo que o Concello entregará máis de 139.000 euros á Federación Olívica de ANPAS de Vigo e Comarca, para que esta faga fronte á xestión dos comedores, actividades extraescolares, formación de ANPAS e aos gastos de xestión da propia Federación.

luns, 14 mar 2005
A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión do luns un convenio de colaboración entre o Concello e a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca (FOANPA). Segundo este acordo, o Concello comprométese a pagar á FOANPA máis de 193.000 euros para que esta poida facer fronte á xestión dos comedores, actividades extraescolares, á formación de ANPAS e aos gastos de xestión propios da Federación.

Pola súa banda, a FOANPA comprométese a colaborar co Concello e cos órganos creados por este para o desenvolvemento da súa política educativa. Así mesmo, a FOANPA e o Concellería de Asuntos Sociais manterán reunións periódicas a fin de posibilitar un coñecemento máis global da política que está a desenvolver o Concello en materia educativa e das inquedanzas e propostas das nais e dos pais.

Ademais, o Concello porá á disposición da FOANPA un local no Instituto Municipal de Educación (rúa camiño do Chouzo, 2) que lle permita un axeitado desenvolvemento das súas funcións e a realización das tarefas propias da Federación. O Concello informará anualmente á FOANPA das contías e conceptos asignados ao programa de autoxestión para o mantemento dos centros de ensino público de Vigo.

Programa BIAL

Por outra parte, a Xunta de Goberno Local aprobou unha programación de novas obras para a súa realización dentro do programa municipal BIAL ao longo deste mes de marzo. O obxectivo desta programación é ofrecerlle ás brigadas que desempeñan o seu labor a través desta iniciativa a posibilidade de seguir traballando mesmo no caso de que chova.

Así, as novas obras aprobadas hoxe luns realizaranse en espazos interiores, incluíndo actuacións como o pintado interior dos pavillóns de Castrelos, Balaídos e Teis e o complexo das Travesas.

Ademais, tamén foi aprobado pola Xunta de Goberno Local un convenio de colaboración entre o Concello e a escudería Rías Baixas, co obxectivo de preparar o Rallye Rías Baixas 2005, que terá lugar do 27 ao 29 de maio. De acordo con este convenio, o Concello achega a cantidade de 30.000 euros para a celebración deste evento deportivo.

Bandas de Música

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou o asinamento dun novo convenio que ven a apoiar e promover o traballo das bandas de música locais mediante a organización de concertos do programa "Música en movemento".

Este convenio vense asinando sen interrupción dende o ano 1990 co obxecto de apoiar, potenciar e promover a actividade destes grupos a través da programación de concertos durante todo o ano e durante as Festas do Cristo da Victoria. O convenio ten unha duración dun ano, ata o 31 de decembro de 2005.