Escoitar

O proceso de dixitalización dos fondos antigos da Casa Galega da Cultura remata a vindeira semana

A actuación, que atañe a monografías dos séculos XVII E XVIII, conta cun presuposto de preto de 12.000 euros e permitirá a consulta de obras que non se poden manexar manualmente pola súa antigüidade.

venres, 4 mar 2005
1109944731libro1.jpg
Segundo as previsións iniciais, o proceso de dixitalización do fondo antigo da biblioteca Francisco Fernández del Riego, impulsado polo departamento de Cultura do Concello de Vigo, rematará a vindeira semana. O proxecto, que ten o obxectivo de pór a disposición dos investigadores documentos de especial valor histórico e cultural, conta cun presuposto total de 11.970 euros.

En concreto, a actuación desenvolvida polo departamento que dirixe Ignacio López-Chaves refírese a dous volumes do século XVII e treinta e cinco do XVIII, así como ao poema épico de Camoes, Os Lusiadas, datado en Lisboa en 1891 e con anotacións manuscritas de Eduardo Pondal, xa que ao estar exposto nunha vitrina da Casa Galega da Cultura resulta imposible a súa consulta.

Grazas á aplicación das novas tecnoloxías ao servizo de documentación, a dixitalización preséntase como un eficaz e imprescindible instrumento para que as bibliotecas faciliten ao público os seus recursos, á vez que contribúe á difusión e conservación das súas coleccións bibliográficas e documentais. Ademáis, mediante este procedemento pódese salvagardar tan valioso patrimonio bibliográfico, así como ofrecer acceso público ao catálogo dixital do mesmo. Deste xeito, os investigadores que o soliciten poderán consultar cada volume no seu correspondente cedé, que conta cunha clave de acceso restrinxida para a súa consulta e reproducción.

O proceso, levado a cabo a baixas temperaturas para non danar os exemplares, comprende a totalidade de cada volume, de forma que inclúe, ademáis do texto propiamente dito, o plano anterior e posterior, o lombo, as gardas, as portadillas, a anteportada, os preliminares, os índices e as ilustracións non incluidas na paxinación, así como todo o material anexo que nalgúns casos acompañan aos documentos.

En canto aos volumes do século XVII trátase, en primeiro lugar, da obra "El Cisne occidental canta las palmas, y triunfos eclesiásticos de Galicia: ganados por sus hijos insignes: obra póstuma", de Felipe de la Gándara y Ulloa, editada en Madrid no ano 1678 por Iulián de Paredes, cun total de 939 páxinas.

O segundo exemplar dixitalizado refírese á "Copilación de las leyes capitulares de la Orden de la Cavallería de Santiago del Espada", editada en Valladolid no ano 1605.

Pola súa banda, entre as obras dixitalizadas datadas no século XVIII, figuran diversas edicións das obras do Padre Feijoo, entre as que se atopan dous exemplares das "Adiciones a las obras del muy ilustre, y reverendisimo padre maestro D. Fr. Benito Geronimo y Feyjoó y Montenegro", editadas en Madrid nos anos 1781 e 1783.

De Benito Feijoo tamén se someteron a este proceso varias edicións das "Cartas eruditas, y curiosas", publicadas en Madrid nos anos 1748, 1750, 1753 y 1760. Tamén deste autor foron dixitalizadas a "Ilustración apologética al primero, y segundo tomo del Teatro crítico", "Suplemento del Theatro critico" y "Theatro crítico universal".


En relación con estas obras, foi dixitalizada a "Demostración crítico-apologética del Theatro crítico universal, que dió a luz Fr Benito Geronymo Feijoo", de Martín Sarmiento, editada en Madrid en 1739. Tamén figura a obra de Baltasar Gracián "Obras de Lorenzo Gracian : tomo segundo que contiene la agudeza, y Arte de ingenio ; El discreto ; El político Don Fernando el católico ; y Meditaciones varias, para antes y despues de la sagrada comunión", publicada en Barcelona no ano 1734.

Entre os volumes dixitalizados tamén destaca a traducción do latín ao castelán das "Confessiones de n. gran Padre San Agustín, obispo y doctor de la iglesia", realizada por Francisco Antonio de Gante, e editada en Madrid no ano 1733, e a obra de José Cornide de Saavedra, "Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia", publicado no ano 1788 en Madrid.
1109944731libro1.jpg
1109944771libro2.jpg
1109944806libro3.jpg
Descargar todas as imaxes