Escoitar

O Concello impulsa a realización de actividades conxuntas dos museos e coleccións públicos de Vigo

O concelleiro de Cultura ,Ignacio López-Chaves , mantivo unha reunión cos directores dos diferentes museos e coleccións públicas da cidade co obxectivo de impulsar a realización de actividades conxuntas destas institucións así como de promover a súa difusión.

venres, 18 feb 2005
Deste xeito, na xuntanza celebrada o xoves, reuníronse con López-Chaves o director do Museo de Castrelos, José Ballesta, a directora do MARCO, Carlota Álvarez Basso, o director do Museo do Mar, Pablo Carrera, a responsable do Museo Liste, Victoria Vázquez, o director da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján, e o director do Arquivo Pacheco, Lois Cea, así como xefe de departamento de Cultura, Ignacio Oliveira.

Nesta reunión, encadrada no contexto das xuntanzas celebradas o ano pasado entre o concelleiro de Asuntos Sociais, os directores do Museo Quiñones de León e o MARCO e os técnicos municipais, púxose de manifesto a necesidade de analizar e valorar as liñas de actuación futuras.

Neste sentido, tomouse a decisión de elaborar e editar material informativo común no que se dea conta os aspectos básicos de cada dependencia, como os datos de contacto, os servizos e as actividades desenvolvidas en cada unha delas.

Outro aspecto tratado refírese a pertinencia de buscar fórmulas de coordinación para a realización de visitas de grupos, nos que se inclúen tanto os escolares como os turistas, nos diferentes museos de entidade pública, así como a procura dunha identidade gráfica común.

Por outra banda, púxose de manifesto a idoneidade de continuar traballando en próximas reunións, no estudio da situación dos museos públicos da cidade, así como na pertinencia de intercambiar información sobre os proxectos e as ofertas que se reciben nas diferentes instalación para desenvolver a súa programación no espazo máis axeitado posible.

Estas decisións teñen como obxectivo desenvolver a idea dos museos como espazos de diálogo cultural mediante o desenvolvemento de diversas actividades nas diferentes institucións museográficas existentes en Vigo.

Precisamente, os museos da cidade caracterízanse pola súa diversidade temática, xa que abranguen cuestións tan diferentes como a arte contemporánea, a fotografía histórica e a etnografía, entre outras, o que permite que Vigo poida ofrecer aos cidadáns un completo e interesante sistema museográfico.