Escoitar

O Centro de Artesanía Tradicional ofrece unha demostración do oficio das tecedeiras

O Centro de Artesanía Tradicional ofrece o sábado 19 unha demostración do oficio das tecedeiras, como comezo dunha serie de actividades que se desenvolverán o segundo sábado de cada mes para achegar o público aos oficios tradicionais. Esta actividade complétase cunha rota cultural polo Casco Vello.

venres, 18 feb 2005
1108728160sany0008.jpg
O vindeiro sábado día 19 de febreiro vai ter lugar no Centro de Artesanía Tradicional (CAT) a demostración do oficio das tecedeiras, cunha artesá que mostrará todo o proceso relacionado co traballo do liño e da la. Esta demostración será o comezo dun ciclo de demostracións en vivo que se desenvolverá o segundo sábado de cada mes, coa participación de tecedeiras, selleiros, cesteiros, alfareiros, zoqueiros, latoeiros ou ferradores.

Esta actividade ten por obxectivos crear o hábito de achegar o público ao CAT, sensibilizalo sobre a importancia de manter os oficios tradicionais, xa que constitúen un patrimonio en vías de extinción, e fomentar o interese e coñecemento sobre a riqueza cultural que nos ofrece unha cidade como Vigo.

Con esta finalidade desenvolverase unha rota cultural ao Casco Vello ligada á artesanía salientando tres puntos de interese: o CAT, a Casa do Cesteiro e a Rúa dos Cesteiros.
A rota, guiada pola técnica do CAT, Elisa Pereira, partirá da Praza do Rei ás 11:30. Durante o percorrido cara ao CAT explicaranse os elementos que se vaian presentando: a muralla, o Castelo de San Sebastián, a rehabilitación do Casco Vello ata chegar ao CAT. Xa no CAT o público gozará dunha demostración feita pola tecedeira Esperanza Díaz, que explicará todos os pormenores do seu oficio durante hora e media.

Despois a rota continuará pola Ferrería cara á Praza de Argüelles, atravesando a Rúa Elduayen. Na Praza da Princesa pararase diante da Cerería San José para facer fincapé neste establecemento. Posteriormente os asistentes dirixiranse á Rúa dos Cestos, onde se verán as diferentes pezas elaboradas á maneira tradicional. A rota acabará na Rúa Real cunha visita á Casa do Cesteiro. Para máis información pódese visitar a páxina web www.vigo.org/artesania.
Descargar todas as imaxes