Escoitar

Visitas guiadas polo Casco Vello de Bouzas

O Museo Quiñones de León organiza visita guiadas ó casco histórico de Bouzas con motivo do centenario da unión do Concello de Bouzas ó de Vigo. As visitas , de carácter gratuíto, están programadas os domingos ás 11 e ás 12 horas durante os meses de febreiro e marzo.

xoves, 17 feb 2005
1108649130bouzas.jpg
Bouzas
O marcado carácter da vila, e a súa personalidade demanda este tipo de visitas, como complemento a exposición para entender in situ, a constitución da vila dende o documento de doazón do rei Enrique de Trastamara, o bispo de Tui, no ano 1371, ata a súa unión ó Concello de Vigo, en Xaneiro de 1904.

A visita comeza no adro da Igrexa, con saída ás 11 e ás 12 da mañá. É a Igrexa de San Miguel de Bouzas un dos signos de esta vila, construída no século XVI, sobre un asentamento en roca, mantén unha organización clásica na portada e contrasta arquitectonicamente con outras vistas no mesmo espacio. As novas transformacións da vila de Bouzas, do século XX, froito da evolución industrial, e que nacen a partires do proxecto de Eduardo Cabello, nos anos 20, que proxecta o primeiro porto en Bouzas.

Continuando pola mesma Igrexa, nos metemos na rúa dos Alfolíes, de marcada importancia na vila, xa que era nela onde se situaban, como o seu nome indica, os alfolíes, almacéns e salazóns do pescado. Era o alfolí un privilexio que contaban algunhas das vilas, e que foi concedido a Bouzas, na Carta Puebla do ano 1501, polo bispo de Tui e que provocou os celos da veciña vila de Vigo. Nesta rúa, a Casa do Patín, construída no ano 1639, expoñente da arquitectura popular en Bouzas. Casa de dúas plantas, na inferior, os almacéns, e na posterior, a vivenda, mostrando un tipo de arquitectura típica galega.

Paralela a rúa dos alfolíes, a de Sebastián Elcano, onde, en Bouzas, se establecen as casas dos mariñeiros, a beira do mar, de tipoloxía significativa.

A situación costeira da vila de Bouzas, tiña, polo seu entonces, as súas vantaxes e inconvenientes. A pesca é un dos oficios que máis fixo que florecera, pero o mesmo tempo, o estar preto da costa, era Bouzas unha das vilas máis vulnerables para o ataque de corsarios e piratas, como foron Sir Francis Drake, no século XVI, e no século XIX., o asentamento dos franceses que intentan invadir a cidade de Vigo.

Saíndo por Sebastián Elcano, a Praza de Urzaiz. As prazas son urbanisticamente falando o lugar de reunión do pobo. Sería un lugar de carácter público, político. O seu nome débese o famoso deputado vigués. E preto dela existira o edificio do Concello. Moitos dos edís no momento da unión dos dous concellos pertencian o partido de Urzaíz, de aí, a pesares das reticencias boucenses, o achegamento dos dous concellos.

De esta praza, arranca a rúa do Pazo, e tan pronto, camiñamos, vemos nos muros da algunhas das casas, manifesta existencia da fidalguía na vila de Bouzas, os Correa, os Cabral, os Pérez Ceta. Este asentamento fidalgo sucede sobre todo no século XVIII, época, curiosamente, de decaemento da vila, con índices de poboación moi baixos, e con as súas arcas en descenso. É o nome de esta rúa o que nos da a pista da existencia dun pazo, hoxe desaparecido, conservándose, na rúa dos ferreiros, o pazo dos Lira, familia nobre que volve a morar en Bouzas, dende Teis, no século XIX, destacando entre eles, Isidoro Araujo e Alcalde, fundador do Diario "La Marina", na cidade da Habana. Emigrante, como outros boucenses, que levou o sentir da vila fora da súa cidade natal. Anexa o pazo, a Capela do Carme, conmemorando a patroa dos mariñeiros, de carácter privado.

Baixando dende o Pazo dos Lira, a Praza de Diego Santos. Nela, a mostra da ligazón da vila de Bouzas o Camiño de Santiago, cunha fontiña coa concha santiaguesa esculpida. Existe en Bouzas unha lenda moi curiosa, aínda en estudio que conta como un cabaleiro caeu o mar co seu cabalo o día da súa voda, e, o pasar, a barca do Apostol Santiago, nese momento, pola beira de Bouzas, emerxeu o Cabaleiro rodeado de cunchas dende as profundidades, salvándose do afogamento.

Termina a visita, como non podía ser, na Alameda de Bouzas, lugar do mercado, mercado que ven dende o século XVI ata hoxe en día, e lugar, onde se situaba o campo de redes. Era o campo de redes o espazo onde se situaban as redes a secar tras volver os mariñeiros da pesca.

Pero non son estes lugares, os únicos de interese histórico na vila de Bouzas, se non que hai máis. Invitamos a todos aquelas xentes que o desexen a achegarse a vila e ver non só estes espacios, senón outros, como a rúa de Tomás Alonso, rúa que se abre como comunicación entre os dous concellos no século XX, chegando por ela o tranvía na década dos dez. E que leva o nome do filántropo vigués. E o Cruceiro Vello, escultura popular barroca, mostra da relixiosidade da vila.
1108649130bouzas.jpg
1108649309bouzas.jpeg
Descargar todas as imaxes