Escoitar

O Consello Social da Lingua nace coa intención de conseguir un uso maioritario do galego en Vigo

O seu regulamento definitivo foi aprobado polo Pleno e publicado no BOP o 31 de xaneiro de 2005. Agora o Consello Social da Lingua Galega de Vigo atópase en trámites de composición para comezar a súa actividade.

mércores, 16 feb 2005
1108562175logo.jpg
O Concello de Vigo aprobou, no Pleno da Corporación do 27 de decembro, o regulamento definitivo do incipiente Consello Social da Lingua Galega de Vigo, unha iniciativa do Partido Galeguista que está a ver a luz trala publicación deste regulamento no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra o 31 de xaneiro de 2005.

Segundo o publicado, a finalidade deste Consello é o asesoramento, consulta e participación na política lingüística ata a consecución do uso da lingua galega pola práctica totalidade da poboación viguesa. As funcións serán pois as seguintes:

a) Avalia-los obxectivos e resultados da política lingüística do Concello elaborando anualmente un dictame sobre tódalas accións impulsadas por mesmo.
b) Estudiar e analizar, xunto con Normalización Lingüística, cuestións relacionadas co fomento e promoción do galego na sociedade.
c) Dictaminar sobre os proxectos de planificación lingüística que teñan que ser aprobados polo Concello.
d) Propoñerlle ao Concello a elaboración de estudos e dictames, cara á adopción de medidas axeitadas para normaliza-la lingua.

O Consello da lingua está agora en trámites de composición. A presidencia corresponderíalle á alcaldesa, Corina Porro, e a vicepresidencia primeira ao concelleiro de Normalización lingüística, Ignacio López-Chaves. Logo están a vicepresidencia segunda, exercida por un membro da Real Academia Galega; un secretario nomeado pola alcaldesa; un membro de cada grupo municipal; tres persoas de recoñecida competencia na normalización lingüística e 19 vocais en representación de diversas entidades sociais, culturais, empresariais, políticas, relixiosas e deportivas.

Os órganos de maniobrabilidade que terá o Consello da Lingua de Vigo serán tres: o Pleno, a Comisión Permanente e os Relatorios Sectoriais e Especiais. Ademais poderán acudir aos plenos, con voz pero sen voto, persoas cuxa opinión sexa requirida por algún dos seus membros. Os Plenos reuniranse dúas veces ao ano de xeito ordinario e cantas sexa necesario por petición da presidencia ou dunha terceira parte dos seus membros.
Descargar todas as imaxes