Escoitar

Ignacio López-Chaves visitou o colexio Escultor Acuña de Coia

O concelleiro de Educación pretende visitar tódolos centros públicos da cidade para participar dunha xornada con eles e valorar as súas necesidades.

martes, 15 feb 2005
1108475968escolas.jpg
O concelleiro de Educación Ignacio López-Chaves realizou hoxe martes unha visita oficial ao colexio público Escultor Acuña coa intención de ver as instalacións do colexio e coñecer "in situ" as actividades que alí se realizan pensando en posibles reformas e intervencións que melloren os recursos da educación pública municipal. Trala visita, que contou tamén coa presencia de representantes das asociacións de padres, o concelleiro compartiu unha comida co persoal docente e os alumnos do centro.

Ignacio López-Chaves ten a intención de visitar semanalmente, sempre que a súa axenda o permita, tódolos colexios públicos da cidade. As visitas responden á iniciativa do concelleiro de participar da vida municipal no referente ao seu departamento e á finalidade de coñecer as posibles necesidades ou carencias de cada centro.

O colexio Escultor Acuña está situado en Coia ocupando unha superficie de 9.600 metros cadrados dos que 6.000 corresponden a patios con pistas deportivas e céspede. Cobre as etapas educativas de segundo ciclo de educación infantil (3 a 6 anos) e educación primaria (6 a 12 anos) e o seu horario de xornada continua é de 9 a 14 horas.

O modelo educativo do centro vén condicionado pola especificidade de ser un centro de integración de nenos e nenas hipoacústicos. Conta con tres liñas de transporte escolar e un comedor de 90 prazas. Ademais dispón de servicio de canguros entre as 8 e as 9 horas, biblioteca, laboratorio, aulas de música e informática e outras especializadas para os alumnos con deficiencias acústicas.

En canto a instalacións deportivas, o Escultor Acuña está provisto de ximnasio, cancha de baloncesto, voleibol, fútbol sala, balonmán e dúas canchas de bádminton. As ANPAS organizan no centro multitude de actividades extraescolares, como poden ser patinaxe, danza, tae-kwon-do, fútbol sala, debuxo e pintura, expresión corporal, rugby, xadrez, bádminton, piscina ou teatro.

No ano 2004 o centro recibiu diversas axudas do Concello para acometer algunhas reformas necesarias, como a reparación e ampliación da cuberta do patio de xogos, realizada en febreiro e cun orzamento de 5.983 euros, a reforma do cadro xeral de protección, cun orzamento de 5.312 euros e a execución das arquetas, no que se investiron 1.691 euros.
Descargar todas as imaxes