Escoitar

Lucía Molares presentou as xornadas "Boas prácticas para a creación de empresas de inserción no ámbito local"

A xornada, de carácter eminentemente práctico, serviu para pór en común experiencias de inserción sociolaboral con representantes de entidades catalás, vascas, canarias, aragonesas e madrileñas.

martes, 30 nov 2004
A concelleira delegada para o Proxecto Compás, Lucía Molares, inaugurou esta mañá a xornada "Boas prácticas para a creación de empresas de inserción no ámbito local" organizada por Caixanova Obra Social e xestionado por Emaús Fundación Social. A xornada realizouse no Centro Social Caixanova coa asistencia de máis de un centenar de asistentes interesadas nesta ferramenta de integración das persoas con problemas de inserción.

Lucía Molares subliñou que "a posta en marcha de iniciativas de inserción laboral de colectivos desfavorecidos baixo estruturas empresariais, como é o caso das Empresas de Inserción, está condicionada en cada territorio a diversos factores normativos, políticos, económicos e sociais así como ó nivel de sensibilización". Segundo a concelleira, "é preciso xerar e estender o debate entre todas as partes implicadas e lograr un consenso a favor destas iniciativas".

Esta xornada é a culminación dun traballo previo levado adiante no foro "Programa integral de intervención para a xeración de empresas de inserción" os días 8, 9 e 10 de novembro na Escola de Negocios Caixanova. Naquel foro, fíxose unha reflexión sobre as oportunidades e vantaxes que as empresas de inserción poden ofrecer ó tecido económico da área metropolitana e no transcurso da xornada presentáronse publicamente as conclusións que se acadaron nesas datas.

Na xornada interviron o director do Instituto de Desarrollo Caixanova, Carlos Palleiro, Javier Pradini do Grupo Emaús, Luis Mª López-Aranguren, da Fundación Tomillo, Julio Martínez do Grupo Can Ensenya e Guillem Correa, presidente da Federación Española de Empresas de Inserción.

A xornada tivo un carácter eminentemente práctico na que se presentaron programas de asistencia técnica a proxectos de empresas de inserción, expuxéronse experiencias de corresponsabilidade e colaboración entre entidades públicas e privadas e experiencias de inserción sociolaboral, con representantes de entidades catalás, vascas, canarias, aragonesas e madrileñas.

O Proxecto Compás, que finalizará en decembro de 2004, enmárcase dentro da iniciativa Equal do Fondo Social Europeo, dedicada a promover novos métodos de loita contra toda clase de discriminación e desigualdade no acceso a un mercado de traballo aberto a todos e todas, a través do deseño e do desenvolvemento de ferramentas e recursos concretos que melloren a ocupabilidade das persoas desempregadas da área metropolitana de Vigo.