Escoitar

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación a Autodesguaces Vigo dos vehículos para chatarra depositados no recinto da Avenida de Madrid

A Xunta de Goberno acorda contratar o deseño e producción das carrozas para a Cabalgata de Reis por un importe de 48.500 euros.

luns, 29 nov 2004
A Xunta de Goberno local acordou adxudicar á empresa Autodesguaces Vigo os 92 vehículos para chatarra depositados no recinto da Avenida de Madrid, a razón de 49 céntimos por quilo. Autodesguaces Vigo deberá retiralos nun prazo máximo de dez días a partir da notificación do acordo de adxudicación e previo pagamento da cantidade.

A pesaxe da chatarra farase no lugar indicado polo concello de Vigo. O custo desta operación correrá a cargo do adxudicatario. Ademais, Autodesguaces Vigo terá que seccionar o bastidor dos ciclomotores e motocicletas antes de retiralos do depósito e deberá garantir que todos os vehículos enaxenados terán como destino a chatarra.

Os 92 vehículos adxudicados considéranse abandonados de conformidade co disposto na Orde do 14 de febreiro de 1974 e no artigo 71 apartado 1 do texto articulado da Lei sobre Tráfico, Circulación e Vehículos a Motor e Seguridade Vial. Todos os trámites necesarios para a enaxenación destes vehículos como residuos sólidos urbanos foron cumpridos.

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación da contratación do deseño e producción das carrozas para a Cabalgata de Reis. Considerouse que a única oferta presentada, correspondente á empresa Conmasarte por importe de 48.500 euros, cumpre coas bases técnicas de contratación, polo que non hai inconveniente en que sexa esta a empresa adxudicataria.

Ademais, na mesma sesión acordouse adxudicar a subministración de material eléctrico para substituír o que está deteriorado. A Xunta de Goberno tamén aprobou o proxecto modificado de capa de rodadura da rúa Marqués de Valladares.