Escoitar

O Valedor do Cidadán, Luis Espada, presentou o seu estudio sobre a mobilidade e os hábitos dos cidadáns

O traballo, dividido en catro partes, é un estudio pormenorizado dos hábitos urbanísticos nas diferentes zonas da cidade. Cuestións como o tempo que se tarda en aparcar ou o medio de transporte elixido para unha e outra finalidade están cuantificados no libro.

venres, 26 nov 2004
1101484489valedor.jpg
O Valedor do Cidadán, Luis Espada, presentou hoxe o traballo "Accesibilidades aos aparcadoiros en espacios libres e aos servicios básicos: factores de mobilidade na cidade de Vigo". As razóns do traballo, descritas no primeiro capítulo do libro, faise referencia ao complexo problema do tráfico rodado e, por ende, á mobilidade dos cidadáns.

Dende o punto de vista metodolóxico o traballo articulouse en catro partes diferenciadas anque interrelacionadas e un epílogo a modo de consideracións finais.

A primeira parte trata da dispoñibilidade de aparcar nun radio de acción non superior a 300 metros, é dicir, nun desprazamento a pé non superior aos 10 minutos. Elixíronse seis zonas ou puntos de referencia que se corresponden con Torrecedeira, Centro (Colón-Policarpo Sanz), Corte Inglés, Fátima, Florida e Povisa. Determináronse os tempos medios de aparcamento en días laborais, sábados e domingos en diferentes franxas horarias e comparouse con outras cidades.

A segunda parte, "Dispoñibilidade de servicios básicos" trata de cuantificar a accesibilidade dos cidadáns a determinadas áreas de servicios, concretamente: servicios sanitarios, paradas de transporte público, colexios, comercios e venta de alimentación, centros sociais, recollida selectiva de residuos, entidades financeiras e espacios deportivos. Estes parámetros son internacionalmente recoñecidos para determinar a calidade de vida dos cidadáns.

A terceira parte cuantifica e analiza os diferentes medios de transporte empregados para ir ao traballo, centro de ensino, á compra, a lugares de ocio, así como a distancia media percorrida.

A carta parte oriéntase ao trasporte escolar, sempre como forma de desprazamento a un centro de ensino obrigatorio.

Unha das reflexións que se pode sacar das análises efectuadas no libro é que a densidade do tráfico, moitas veces está mais orixinada polos hábitos e comodidades dos cidadáns, que elixen o tempo como variable mais importante á hora de decidir o medio de transporte, que á incapacidade ou carencia da cidade para responder ás necesidades dos cidadáns.
Descargar todas as imaxes