Escoitar

"Un neno un alimento" no Nadal solidario de Vigozoo

A entidade iniciará unha campaña de recolección de alimentos en colaboración coa orde "Hermanos Misioneros de los enfermos pobres", que se encarga da súa distribución. O programa irá dirixido aos nenos, que poderán entrar de balde a cambio dun alimento e participar en concursos de debuxo e redacción.

venres, 26 nov 2004
"Nadal solidario" é un programa do Departamento de Educación Ambiental para Vigozoo que vai destinado a rapaces de 3 a 12 anos e ten como obxectivos a promoción de Vigozoo na época de Nadal e a creación dun banco de alimentos para os mais necesitados da cidade. Co lema "un neno un alimento" o zoo da cidade converterase nun punto de recollida de alimentos cos nenos como protagonistas.

A entrada será libre e de balde para tódolos rapaces de 3 a 12 anos que entreguen un alimento non perecedoiro nas instalacións de Vigozoo. A entrega farase efectiva no momento de acceder ao recinto. Preto do despacho de billetes haberá instalado un contedor para deposita-la comida. En caso de remata-la campaña ou estar cheo o contedor, os que queiran seguir enviando comida poderán remitila á orde relixiosa "Hermanos misioneros de los enfermos pobres", entidade colaboradora da campaña que se encarga da distribución dos alimentos. A sede da orde relixiosa atópase na avenida de Galicia, 160 (Teis) e o seu teléfono é 986-374518.

Dentro do "Nadal solidario" haberá un concurso de debuxo dirixido aos rapaces máis novos, de 3 a 8 anos. Na entrada ao recinto entregaráselle a tódolos nenos que se atopen entre as idades indicadas, o material coas bases do concurso. O debuxo realizarase despois da visita a Vigozoo e deberá ser entregado de volta antes do 7 de xaneiro de 2005, día no que se fará entrega dos agasallos, que consistirán en material deportivo e libros de natureza. A temática do debuxo deberá estar relacionada con Vigozoo.

Os rapaces de 9 a 12 anos poderán participar no concurso de redacción. A redacción non superará os 500 caracteres e deberá estar relacionada coa visita a Vigozoo. Os prazos de entrega e os premios serán os mesmos que no caso anterior e o 7 de xaneiro, coa clausura da campaña "Nadal solidario", farase entrega dos premios aos gañadores.

A campaña "un neno un alimento" comeza o domingo 28 de novembro e remata o venres 7 de xaneiro de 2005.