Escoitar

"Ámbitos de Galicia", un foro para a análise das perspectivas galegas no século XXI

Organizado polo Concello de Vigo e a Fundación Caixa Galicia, a iniciativa abre con dous ciclos dedicados á realidade social galega e o fenómeno da emigración.

venres, 26 nov 2004
1101485090ambitos.jpg
A Concellería de Asuntos Sociais do Concello de Vigo, a través do departamento de Cultura, vén de poñer en marcha o programa "Ámbitos de Galicia", unha iniciativa que aspira a se converter nun foro privilexiado de opinión para a análise e o estudio das perspectivas da Galicia do século XXI.

Organizado en colaboración e co patrocinio da Fundación Caixa Galicia, o programa susténtase na acción cultural como medio idóneo para a reflexión e a análise da realidade social: ollando con perspectiva o pasado, pretende albiscar os camiños polos que chegará o futuro; partindo da mestura de disciplinas do coñecemento diferentes, favorecerá un debate enriquecedor no que atoparán o seu lugar as máis variadas correntes de pensamento.

Esta iniciativa cultural, que comezará a súa andaina o 29 de novembro cun propósito de continuidade nos vindeiros anos, basearase na celebración de ciclos de conferencias e mesas redondas de carácter monográfico.

Nunha primeira etapa, a que agora comeza, as actividades previstas están programadas en dous ciclos: o primeiro, que abrangue do 29 de novembro ó 2 de decembro, abordará o tema "Ámbitos de Galicia, análise da realidade social e das súas expectativas"; o segundo, do 13 ó 16 de decembro, xirará arredor do título "Os novos galegos. A sociedade galega e a inmigración".

Non obstante, é vontade dos organismos promotores garantir a continuidade do programa, de xeito tal que a partir do vindeiro ano 2005 se celebren cada ano dous ciclos na primavera e outros dos no outono.

Cada un dos ciclos do programa "Ámbitos de Galicia" inclúe conferencias e mesas redondas sobre o tema elixido. A estructura básica consiste na presentación de tres ponencias: a primeira sirve para contextualizar o tema, mentras que as outras dúas abordan enfoques complementarios, aínda que tomando sempre como referencia a posible definición dos escenarios ós que se enfrontará Galicia no futuro. Pola súa banda, as mesas redondas constituirán o escenario máis axeitado para o debate entre os participantes.

O ciclo inaugural, que comeza o luns 29 de novembro, ten como obxectivo básico a presentación da realidade de Galicia desde unha perspectiva o máis ampla posible; deste xeito, ós ciclos sucesivos corresponderalles a tarefa de afondar nesa situación para descubrir os rasgos máis salientables do futuro que se adiviña.

Análise do perfil social

A conferencia de apertura, titulada "A sociedade galega" e presentada polo concelleiro-delegado da área de Asuntos Sociais, Ignacio López-Chaves, corresponderá ó xefe do departamento de Ciencia Política da Universidade de Vigo, Argimiro Rojo Salgado, autor de numerosas publicacións que reflexionan sobre a integración europea e os procesos de rexionalización política. Fronte á sociedade excesivamente topificada que posúe Galicia e que ás veces contrasta coa realidade, este autor analizará o perfil social do territorio galego fuxindo de calquera perspectiva unificadora e simplista, nun propósito de amosar a pluralidade das distintas variables existentes.

Papel das universidades

Baixo o atraente título "¿Está o futuro de Galicia xestándose nas súas universidades?", o primeiro ciclo do programa acollerá unha mesa redonda que se celebrará o martes 30 de novembro e na que participarán os tres rectores das universidades galegas: Xosé María Barja, rector da Universidade de A Coruña; Senén Barro Ameneiro, de Santiago de Compostela; e Domingo Docampo Amoedo, de Vigo.

Os máximos representantes das institucións académicas tentarán dar resposta á difícil pregunta de se os programas docentes, o mapa de titulacións e máis as liñas de investigación que se desenvolven nos laboratorios se atopan á altura da responsabilidade que deben asumir de cara o futuro: acoller ós futuros profesionais dos diferentes sectores productivos, ós futuros líderes sociais, económicos e políticos de Galicia.

Esta mesa redonda contará cun presentador de excepción: o escritor, avogado, publicista e director da Biblioteca Penzol, Francisco Fernández del Riego, unha das personalidades máis sobranceiras da Galicia do século XX.

A cultura e a economnía galegas

O ciclo inaugural do programa "Ámbitos de Galicia" completarase con dúas ponencias máis. A primeira, "Galicia, unha identidade, unha cultura", será impartida polo catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, director do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega e director en Galicia da UIMP, Ramón Villares Paz, o mércores 1 de decembro. Presentada polo escritor e periodista J.A. Xesteira, esta conferencia abordará a cuestión de se a cultura galega está só vencellada ó idioma galego, ó tempo que amosará a visión da cultura como un elemento global capaz de abranguer a investigación social, a ciencia, a comunicación, a expresión artística.

A outra, que servirá como peche do ciclo o xoves 2 de decembro, será pronunciada polo profesor titular de Economía de Galicia na Universidade de Vigo, Albino Prada Blanco, quen disertará sobre "As contas de Galicia. Unha análise da situación económica galega". Esta intervención, presentada polo director territorial de Caixa Galicia, José Manuel Fernández Fernández, pretende servir como achegamento ó presente económico de Galicia, unha realidade na que determinados sectores productivos se atopan en recesión ó tempo que xorden outras industrias emerxentes. Asemade, abordará fenómenos de interese como a localización xeográfica da forza económica de Galicia no litoral ou o proceso de desruralización nesta autonomía.

A mesa redonda e tódalas conferencias, agás a última, celebraranse no salón de actos da Casa Galega da Cultura. A ponencia de Albino Prada terá lugar no salón de actos da Aula Socio Cultural da Fundación Caixa Galicia. En tódolos casos, comezarán a partir das oito da tarde.

Os galegos do século XXI

Logo da presentación xeral da realidade galega do primeiro ciclo do programa, o segundo desenvolverase baixo o título "Os novos galegos. A sociedade galega e a emigración". O tema proposto parte do feito histórico constatado de que Galicia atopou na emigración un xeito de paliar a presión demográfica e a súa propia incapacidade para manter o crecemento da poboación que estaba a rexistrar. O proceso, especialmente acusado na segunda metade do século XIX e na primeira do XX, leva un camiño inverso nestes comezos do século XXI, nun momento no que a sociedade non é quen de cubrir o seu nivel demográfico; deste xeito, asiste agora ó retorno dos emigrantes e á chegada de novos fluxos migratorios.
A primeira conferencia deste ciclo, que se celebrará o luns 13 de decembro, adicarase á análise da poboación galega de hoxe en día. O ponente, profesor da Universidade de Vigo e doutor en Socioloxía, Alberto Saco Álvarez, reflexionará sobre a posibilidade de que a perda de "liquidez" demográfica de Galicia teña sido provocada polas xeracións que emigraron nas décadas pasadas; tamén, sobre as posibles consecuencias da despoboación que se está a producir nas áreas rurais do interior.

Galicia, comunidade emigrante

O martes 14 de decembro será a profesora de Historia de América da Universidade de Santiago, Pilar Cagiao Vila, a encargada de presentar a ponencia "Galicia como comunidade emigrante". Esta investigadora analizará a emigración como un fenómeno presente na historia de Galicia desde o comezo da Idade Moderna e que deu saída a xeracións enteiras de galegos, que non atopaban na súa terra ningunha forma de subsistencia. Desde xeito, América converteuse no destino principal dos emigrantes, aínda que tamén houbo outras rotas migratorias.

Culminación do ciclo

O director do departamento de Socioloxía da Universidade de Vigo, Xoán Bouzada, pronunciará a conferencia titulada "Emigración, retorno e inmigración: a culminación do ciclo migratorio galego" o mércores 15 de decembro. Na súa disertación ofrecerá ós asistentes unha análise sociolóxica do ciclo migratorio galego e dese proceso polo que Galicia pasa de ser unha comunidade emigrante a se converter nunha sociedade de acollida: primeiro, dos retornados; despois, dos inmigrantes procedentes doutras culturas.
As tres conferencias, que tamén comezarán a partir das oito da tarde, celebraranse no salón de actos da Casa Galega da Cultura.

O último acto programado para este segundo ciclo é unha mesa redonda titulada "As disfuncións da integración: conflictos culturais e sociais", prevista para o xoves 16 de decembro, no salón de actos da Aula Socio Cultural da Fundación Caixa Galicia.

Presentada por un representante da Dirección Xeral de Apoio á Emigración, a mesa redonda reflexionará sobre unha situación na que a sociedade galega ten a obriga de asumir a inmigración non como unha situación excepcional, senón como un fenómeno natural neste ciclo histórico. A integración non resulta doada para a comunidade receptora e para a que se incorpora, non obstante, por mor da aparición de disfuncións vencelladas á mestura de diferentes idiomas, culturas e costumes, pero tamén á existencia de problemas legais.

Para abordar unha materia tan interesante como complexa, intervirán como poñentes o xefe da Brigada Provincial de Estranxeiría do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, José Dositeo Gallego Blanco; e o xefe do servicio de Ordenación Educativa, da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, Antonio Rivas Menéndez.

O futuro do programa

No seu afán de garantir a continuidade do programa "Ámbitos de Galicia", o departamento de Cultura da Concellería de Asuntos Sociais do Concello de Vigo está a traballar xa nas futuras edicións do mesmo, en concreto as do vindeiro ano. Entre os temas elixidos atópase "O futuro económico de Galicia", no que se encadrarán reflexións de expertos sobre os vellos e os novos escenarios da economía galega, os sectores en crise e as actividades en expansión, I + D na industria galega e, finalmente, o ocio e o turismo, na súa dobre formulación posible: a grande esperanza ou ben a grande decepción.

Por outra banda, estase a organizar outro ciclo adicado ó deporte, baixo o título "Despois das Olimpiadas. Panorama actual do deporte en Galicia". Neste caso, os conferenciantes falarán sobre os galegos no palmarés; o binomio investigación e deporte, a posible "fabricación" de elites deportivas galegas e as especialidades do deporte; a situación da canteira galega do deporte; e a posible crise do fútbol galego.
Ó mesmo tempo, os responsables do programa pretenden abordar, en futuros ciclos do mesmo, os temas "Sectores emerxentes na economía galega" e "O estado do benestar en Galicia".

A sede do programa "Ámbitos de Galicia" será a Casa Galega da Cultura, situada na Praza da Princesa, un equipamento cultural de titularidade municipal que constitúe un referente de primeiro orde para os investigadores adicados á realidade de Galicia. Este centro posúe un importante patrimonio documental e bibliográfico procedente das doazóns da biblioteca da Fundación Penzol e da biblioteca museo Francisco Fernández del Riego, entre outras aportacións.
Os seus fondos abranguen esa cultura total á que aspira a iniciativa "Ámbitos de Galicia", na que se conxugan a historia, a economía, a lingua, a literatura, a xeografía, a teoloxía, as ciencias naturais...

O Salón de Actos da Aula Socio Cultural da Fundación Caixa Galicia, situado na rúa Policarpo Sanz, será o outro escenario que acollerá os ciclos do programa, en concreto aquelas actividades que necesiten espacios máis amplos.
Descargar todas as imaxes