Escoitar

Concello e Proxecto Compás presentan o novo curso a distancia para emprendedores

O proxecto piloto deste novo curso on-line destinado a novos emprendedores será gratuíto e os seus organizadores desexan unha boa resposta da xente para acada-la súa consolidación.

luns, 29 nov 2004
1101742158emprender.jpg
A concelleira Lucía Molares acudiu á presentación no Concello do curso a distancia para emprendedores, organizado polo Concello de Vigo e o Proxecto Compás. Este curso "on-line" e totalmente de balde nace como experiencia piloto para aportar uns coñecementos en materia de marketing, asesoramento ou seguridade social, para tódolos novos emprendedores.

A oferta de cursos on-line é selectiva e os cursos de corta duración. Segundo Alejandro Pan, responsable da empresa que impartirá os cursos, esta restricción responde a unha "maior facilidade para valorar a experiencia e o resultado do seu funcionamento. No futuro gustaríanos que a oferta se ampliase e que a profundización dos diferentes módulos fose maior".

Lucía Molares destacou a conveniencia dun curso a distancia, debido a que os novos emprendedores non dispoñen de moito tempo para acudir a clases, e que a variedade da oferta permite que cada un elixa o que máis lle convén segundo as necesidades do seu negocio. Así mesmo, a concelleira desexou a consolidación do proxecto e a súa ampliación no futuro.
Descargar todas as imaxes