Escoitar

"Ámbitos de Galicia" analiza a situación da cultura e a economía galegas

O programa do Concello de Vigo, patrocinado pola Fundación Caixa Galicia, conclúe esta semana o seu primeiro ciclo. Os tres rectores galegos debatirán hoxe sobre o papel que están a xogar as universidades na construcción do futuro.

martes, 30 nov 2004
O programa "Ámbitos de Galicia", unha iniciativa que vén de poñer en marcha o Concello de Vigo para favorecer a reflexión sobre a realidade galega, completará esta semana a súa primeira etapa, un ciclo inaugural que se pechará o vindeiro xoves despois da celebración de tres conferencias e unha mesa redonda protagonizadas por expertos de recoñecido prestixio no seu ámbito de coñecemento.

Logo da conferencia de apertura do pasado luns, na que Argimiro Rojo Salgado, xefe do departamento de Ciencia Política da Universidade de Vigo, abordou a situación actual da sociedade galega, a mesa redonda programada para a xornada de hoxe martes adentrarase na cuestión de se as universidades de Galicia están a formar axeitadamente ós profesionais que dirixirán a marcha desta autonomía no futuro.

Programada para as oito da tarde, no salón de actos da Casa Galega da Cultura, a devandita mesa redonda acollerá ós mellores coñecedores da realidade universitaria galega: os rectores das universidades de A Coruña, Xosé María Barja; Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro; e Vigo, Domingo Docampo Amoedo. Os poñentes serán presentados por unha das figuras senlleiras da cultura galega, Francisco Fernández del Riego, director da Biblioteca Penzol e do Museo que leva o seu nome.

A cultura, un fenómeno global

Nun intento de pechar os distintos aspectos vencellados á realidade social galega de hoxe en día, o programa deste primeiro ciclo de "Ámbitos de Galicia" tratará na xornada de mañán mércores, día 1 de decembro, o tema "Galicia, unha identidade, unha cultura". Este título servirá como guía para unha disertación do catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, Ramón Villares Paz, sobre a cultura como elemento global capaz de abranguer aspectos como a investigación social, a ciencia, a comunicación, a expresión artística, etc., isto é, como algo que excede a vinculación exclusiva do fenómeno cultural ó idioma galego.

Como colofón desta primeira etapa, o profesor titular de Economía de Galicia na Universidade de Vigo, Albino Prada Blanco, pronunciará unha conferencia baixo o título "As contas de Galicia. Unha análise da situación económica galega". A ponencia, que se celebrará o xoves a partir das oito da tarde, na Aula Socio Cultural da Fundación Caixa Galicia, servirá para debuxar o presente económico galego no que atingue ós diferentes sectores productivos ou á localización xeográfica dos mesmos, entre outros aspectos.

"Ámbitos de Galicia", unha iniciativa cultural promovida polo departamento de Cultura do Concello de Vigo e patrocinada pola Fundación Caixa Galicia, terá continuidade cun segundo ciclo adicado ó fenómeno da inmigración, que comezará o luns 13 de decembro e se prolongará ata o 16 do mesmo mes. Por outra banda, prevese que o programa teña periodicidade anual e acolla dous ciclos na primavera e outros dous no outono, a partir do ano 2005.