Escoitar

O Concello aproba un proxecto de automatización das instalacións de saneamento da cidade

A Xunta de Goberno Local aprobou, en sesión ordinaria, o proxecto "Automatización das instalacións de saneamento", cun presuposto de 1.198.561 euros. O obxecto desta iniciativa é o de definir unha solución de control integral para o colector da marxe da ría e de outros bombeos do servicio de saneamento.

luns, 26 xul 2004
A Xunta de Goberno Local aprobou, en sesión ordinaria, o proxecto de automatización das instalacións de saneamento da cidade.

Esta iniciativa, remitida pola empresa concesionaria dos servicios municipais de saneamento e abastecemento de auga, Aqualia, contará cun presuposto de 1.198.561 euros. O seu fin será o de chegar ao control integral das instalacións de saneamento baixo a crenza de que a optimización do rendimento da pranta pasa por manter un control activo e continuo dos caudais que entran nela.

Para tal fin, o proxecto contempla un sistema de telexestión que pretende dotar á rede de saneamento dunha infraestructura de control que non só garantice unha xestión técnica eficaz de tódalas instalacións, senón tamén unha xestión económica e estadística de tódolo sistema no seu conxunto.

Vigocard
Na área de turismo, o Concello prevé chegar a un acordo cos diferentes establecementos e empresas da cidade para por en marcha a tarxeta turística "Vigocard". Unha tarxeta a través da cal o turista que se achegue ata a nosa cidade poderá beneficiarse de importantes descontos en máis de 80 establecementos que inclúen museos, empresas de turismo activo, transportes e turismo náutico, entre outros.

Ademáis, o turista que merque esta tarxeta disfrutará de promocións e descontos nas súas compras, así como en restaurantes, bares, cafés e cervexerías. Así, os establecementos que participen nesta inisciativa ofertarán descontos de entre un 5 e un 40%. A concellería de turismo e Comercio, pola súa parte, comprométese a promocionar esta tarxeta turística e a recoller nunha guía de servicios tódolos establecementos xunto as súas características e os descontos que ofertan.

Proxecto Alicerce
Por outra banda, o Concello chegou a un acordo de colaboración para a realización de prácticas non laborais en organismos públicos para alumnos do "Proxecto Alicerce". Un proxecto que pretende elaborar e implementar itinerarios formativos de capacitación e especialización para a inserción laboral no sector da atención ás persoas, así como formar e acompañar no deseño e posta en marcha de proxectos empresariais.

O periodo de prácticas profesionais desenvolverase entre outubro de 2004 e xullo de 2005. Diferentes empresas, entidades e organismos públicos do ámbito da atención ás persoas, xa amosaron o seu interese en acoller a participantes do proxecto, aínda que a concreción e materialización das prácticas nestes centros farase mediante a sinatura de acordos entre o Concello e as entidades colaboradoras.

Os destinatarios das actividades subvencionables deberán ser desempregadas e estar inscritas como demandantes de emprego no servicio de emprego público. Éstas, poderán ser preceptoras de axudas por unha contía mensual non superior ao 75% do salario mínimo interprofesional. Así, o Concello será o encargado de proceder ao cálculo do importe das becas e ao pago das mesmas. O tope máximo de beca ao mes será de 345,47 euros por persoa, o que suporía un custe total de 147.555 euros, correspondendo aproximadamente 64.725 euros para o 2004 e 82.830 no 2005.

Axudas de Emerxencia Social
Ademáis, na área de Benestar Social, o Concello estudiará a proposta de aprobar as axudas de Emerxencia Social destinadas a familias con problemática socioeconómica para acondicionamento de vivendas por un importe total de 7.881 euros. Outra das propostas que contempla é a de conceder subvencións ás asociacións de maiores para o 2004 por un importe que rondaría os 18.000 euros.