Escoitar

Arranca o campamento en Allariz promovido pola Concellería de Xuventude de Vigo

Dende o día 22 e ata o 28 de xullo, un total de corenta rapaces poderán disfrutar do campamento en Allariz promovido pola Concellería de Xuventude de Vigo. A hípica, o sendeirismo ou as visitas guiadas son só algunhas das actividades contempladas no programa deste "Verán Xove".

venres, 23 xul 2004
Corenta nenas e nenos de Vigo poderán deleitarse, dende o día 22 e ata o 28 de xullo, dun campamento en Allariz, promovido pola Concellería de Xuventude dentro da súa programación "Verán Xove".

Neste campamento, os rapaces e rapazas poderán achegarse a un entorno diferente ó habitual, realizando actividades como hípica, sendeirismo, obradoiros, xogos populares, visitas guiadas ós museos de Allariz (como o do xoguete, o de coiro, o muíño, etc.). Tamén está programada unha visita ó ecoespacio de O Rexo para ver unha queixería e realizar diferentes xogos. Para sufocar a calor desta época estival, está previsto bañarse e realizar diferentes actividades no río Arnoia.

Esta actividade forma parte dunha programación máis ampla, impulsada pola Concellería de Xuventude de Vigo, de cara a este verán. Nesta programación inclúense outros campamentos como: Verán de Lecer (na A.V. Doutor Fleming), Urbano "Xoga con Vigo" (no Pavillón das Travesas), Tempo Libre na Beiramar (en Bouzas), Urbano en Teis. Tamén se inclúen outras actividades lúdicas como concertos, cine ó aire libre, ludotecas, obradoiros, etc.