Escoitar

A Federación Galega da Construcción e a FEGAMP colaboran na mellora da contratación administrativa co apoio do Concello de Vigo

A alcaldesa e os presidentes destas entidades asinaron un documento para traballar conxuntamente e promover unha maior competencia e participación das empresas nas licitacións públicas.

venres, 23 xul 2004
1090584350fegamp2.jpg
A Federación Galega da Construcción e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) colaborarán na mellora da contratación administrativa nas corporacións locais nunha iniciativa que conta co total respaldo do Concello de Vigo. A alcaldesa, Corina Porro, o presidente da Federación Galega da Construcción, Antón Arias e o presidente da Fegamp, José Crespo, asinaron hoxe un documento de colaboración que pretende mellora-la contratación administrativa das corporacións locais.

Tralo recente cambio na lexislación de contratos, o acordo busca incrementa-la colaboración na aplicación da nova lexislación de contratos nas administracións públicas e favorecer a competencia en todas as convocatorias de contratos públicos.

En virtude do acordo, que xurde a iniciativa da Federación da Construcción e que se desenvolvera a través da Fegamp, as dúas entidades conveñen manter a colaboración no ámbito da contratación administrativa de xeito que as alegacións ou iniciativas que unha parte lle propoña á outra "teñan a resposta axeitada, esgotandose as posiblidades de acordo, en caso de diferencia, pola vía do diálogo".

Ademais, o Concello, a Federación da Construcción e e Fegamp traballarán de xeito conxunto na elaboración duns pregos de condicións técnicas e administrativas relativas aos contratos de obras que poidan servir como modelos de referencia xerais para todos os concellos que integran a Fegamp. Para isto constituirase de contado un grupo de traballo e se recabará a colaboración e implicación no proceso das entidades interesadas na materia, como a EGAP ou a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia.

Con este acordo ponse fin a todos os contenciosos entre a Federación Galega da Construcción e o Concello de Vigo. A colaboración manifestarase tamén no intercambio de información e nas actuacións conxuntas que as partes asinantes concreten no futuro.
Descargar todas as imaxes