Escoitar

O Concello propón a iluminación artística dos edificios históricos da cidade

A Casa da Cultura ou a Biblioteca Central son algúns dos edificios elixidos polo "Proxecto Ilumina". Un proxecto de colaboración coa Xunta de Galicia cun importe de 186.487 euros co obxectivo de apostar polo patrimonio vigués mediante o alumeado dos principais edificios da cidade.

luns, 19 xul 2004
Na área de turismo, o Concello propón un proxecto de convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a iluminación artística de edificios históricos da Cidade cun importe de 186.487 euros.

O "Proxecto Ilumina" pretende apostar polo patrimonio vigués mediante un proxecto de alumeado que permita o disfrute dos edificios máis recoñecidos, como a Casa da Cultura ou a Biblioteca Central, creando unha ambientación e dándolle un novo rostro á cidade.

O primeiro paso deste proxecto consistirá no deseño dunha "ruta luminosa" por parte dos técnicos municipais, onde se incluirán nun catálogo tódolos edificios susceptibles de sumarse a este proxecto. A ruta luminosa terá como principal obxetivo deseñar un novo mapa estético do casco urbano, recuperando unha visión inédita dos sinais de identidade de Vigo.

Outros dos proxectos previstos polo Goberno vigués contempla a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello e as Asociación de Comerciantes nos Mercados de Bouzas, Berbés e Teis, así como coa Asociación de Comerciantes Zona Centro e "Vigo-Vello" para a aportación económica nos distintos investimentos.

No proxecto de renovación das rúas comerciais do Casco Vello contémplase un importe plurianual de 82.000 euros, aínda que o obxetivo do convenio de colaboración é que a Asociación de Comerciantes e Hosteleiros "VigoVello" contribúa coa súa aportación a complementar a devandita subvención para a realización do investimento.

Así, dende "VigoVello", comprométense a ingresar un total de 6.000 euros no 2004, 2.571 no 2005 e 9.000 euros no 2006.