Escoitar

O Concello apoia as Xornadas Nacionais de Xornalismo e Deporte que se celebran en Balaídos

A Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (Agaxorde) presentou hoxe no Concello de Vigo as Xornadas Nacionais de Xornalismo e Deporte. Esta nova edición desenvolverase os días 5 e 6 de outubro no Estadio Municipal de Balaídos.

venres, 25 set 2026

As Xornadas Nacionais de Xornalismo e Deporte, organizadas por Agaxorde o apoio do Concello de Vigo, terán como sede dunha nova edición o Estadio Municipal de Balaídos. Os días 5 e 6 de outubro daranse cita en Vigo os mellores profesionais do mundo do deporte.

O funcionamento das xornadas estará artellado en mesas de debate distribuídas sobre diferentes temáticas e abordando cuestións como: o olimpismo galego, a importancia para Vigo dun clube como o Celta e o seu gran momento actual, a relación entre os medios de comunicación e o deporte profesional, a prevención da violencia no deporte de base e a presenza das mulleres no xornalismo deportivo.

Sobre este último punto, Antonio Estévez, membro de Agaxorde, fixo fincapé na importancia da consolidación do papel da muller no xornalismo deportivo, “tanto das pioneiras como das novas xornalistas”. Tamén, agradeceu ao Concello a promoción desta iniciativa, que sitúa a Vigo no mapa nacional das actividades vencelladas ao xornalismo deportivo.

As mesas redondas estarán moderadas por profesionais do xornalismo e contarán con representantes institucionais, deportistas e dirixentes deportivos. O programa abrirase cunha homenaxe aos olímpicos galegos, a través da entrega de galardóns aos deportistas e aos seus familiares.

No acto tamén estaban presentes Miguel Pampín, secretario de Agaxorde; Cristóbal Atienza, ex secretario; o concelleiro de Deportes, Manel Fernández e a concelleira delegada de Turismo e Xuventude, María Lago.

 

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes