Escoitar

O Goberno municipal recibe 15 propostas para realizar a estatua de Iago Aspas

Abel Caballero informou este xoves da tramitación do concurso para o deseño e realización dunha escultura que a cidade lle dedicará a Iago Aspas en recoñecemento á súa traxectoria como xogador do Celta.

xoves, 24 set 2026
Foto de arquivo do alcalde con Iago Aspas e Marian Mouriño
Foto de arquivo do alcalde con Iago Aspas e Marian Mouriño

“É a homenaxe desta cidade a Iago Aspas polo seu papel como xogador, polo seu cariño ao Celta, pola súa lealdade ao Celta e o seu escudo e polo que o queremos a afección e a cidade”, explicou o alcalde ao dar conta do proceso do concurso posto en marcha polo Goberno municipal.

O concurso, cuxo prazo de presentación rematou o pasado luns, recibiu 15 propostas artísticas á espera de que poidan chegar máis por correo postal. Os artistas deben entregar unha maqueta co seu deseño.

Caballero explicou que o Concello dedica 295.000 euros a este proxecto: 200.000€ para a escultura, 15.000 euros para o desenvolvemento do concurso e 80.000 para o transporte e instalación da obra.

Tal e como recollen as bases do concurso, a escultura debe ser en fundición de bronce artístico con pátina conservadora e medir 1 metro e 76 centímetros de alto porque se trata dunha escultura “en tamaño real”. O xogador debe levar a vestimenta do Celta, sen referencias publicitarias. Ademais, ten que figurar o nome do deportista na base ou na propia escultura.

A vindeira semana reúnese o xurado do concurso para a valoración das propostas presentadas e para elixir os finalistas: o primeiro premio está dotado con 9.000 euros e serve para a realización da escultura; o segundo con 4.000 euros e o terceiro con 2.000 euros. O rexedor informou da conformación do xurado: unha persoa da concellería de Cultura; a presidenta do Celta ou a persoa en quen delegue; Iago Aspas ou a persoa na quen delegue; Beatriz Barbará, xefa da área de contratación do Concello; Jerónimo Centrón, xefe da área de Servizos Xerais do Concello; Pilar Souto, coordinadora de exposicións do Marco; José Manuel Rey, xefe de museos do Concello e María Gómez, xefa de Patrimonio Histórico do Concello.

O gañador do concurso realizará a escultura. Unha vez formalizado o contrato, o escultor ou escultora terá 3 meses máximo de prazo para executala. Posteriormente, o Concello realizará a instalación da escultura, na esquina entre as bancadas de Marcador e Tribuna. A previsión é que quede instalada en marzo.

 

Descargar todas as imaxes