Caballero celebra o apoio da Cámara de Comercio á economía da cidade
Na súa intervención no acto do 140 aniversario da Cámara de Comercio de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, o alcalde puxo en valor o traballo destas entidades e, en particular, eloxiou o papel de José García Costas, que recibiu a Medalla de Ouro da Orde da Cámara de Comercio de España.
Nun acto intitucional coa presenza de 400 representantes institucionais e empresarias, a Cámara de Comercio de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía celebrou o seu 140 aniversario e recoñeceu o labor do seu actual presidente, José García Costas, que con 25 anos á fronte recibiu a Medalla de Ouro da Orde da Cámara de Comercio de España, de mans do seu presidente, José Luis Bonet.
No seu discurso, o alcalde valorou o traballo das cámaras de comercio como "acompañantes necesarias das empresas, máis aínda agora dadas a incertezas" do momento actual e no seu papel ó ter estado "ó lado das empresas, da economía, dirixir a economía, apoiando a empresarias, empresarios e emprendedores desde hai 140 anos".
Tamén se referiu a José García Costas, o homenaxeado no acto, como "grande empresario, capaz de crear por si mesmo un conglomerado empresarial estratéxico na cidade de inmensa capacidade económica, solvente e quen de facer fronte a momentos tan difíciles". Da súa faceta de presidente da Cámara, destacou a capacidade de "contribuír desde a lealdade absoluta con tódalas cámaras de comercio de España". Lembrou que o Concello recoñeceu o seu labor este ano coa concesión da Medalla de Ouro da Cidade porque "está sempre defendendo os intereses da súa empresa e os intereses globais de Vigo".