Vigo acolle o Torneo de Hóckey sobre patíns en beneficio dos afectados con hiperplasia suprarrenal conxénita
O Pavillón municipal Pablo Beiro, en Bouzas, será escenario os días 26 e 27 de setembro da competición solidaria internacional organizada polo Hóckey Club Cíes e a Asociación Española das persoas afectadas pola doenza renal coa finalidade de apoiar a loita contra unha enfermidade rara.
O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, animou hoxe á cidadanía a asistir esta fin de semana á competición, que alcanza a segunda edición co apoio do Concello de Vigo, pola vertente solidaria coas persoas afectadas pola hiperplasia suprarrenal conxénita. “O Concello vai seguir colaborando e contribuíndo ao desenvolvemento do hóckey e de todo o deporte”, asegurou.
O presidente do Hóckey Club Cíes, Leonardo Torres, avanzou a presenza en Vigo de equipos da elite internacional masculino e feminino deste deporte. Explicou que competirán dous equipos femininos campións de Europa: Marineda, da Coruña, e Sanjoanense de Portugal; así como o masculino de Barcelos, tamén campión de Europa, entre outros. Ademais, participarán nove equipos das categorías inferiores, coa presenza de máis de 1.000 persoas. “Facémolo por unha boa causa, para recadar fondos, como o ano pasado coa finalidade de poder achegar o noso gran de area para que se investigue esta enfermidade”, afirmou.
Isabel Castro, presidenta da Asociación Española de afectados con hiperplasia suprarrenal conxénita, expresou a importancia da nova convocatoria á vez que trasladou o seu agradecemento ao club de hóckey e ao Concello de Vigo “por pensar nas nenas e nenos afectados pola patoloxía renal” e por celebrar unha competición deportiva que achega “moita visibilidade” á enfermidade e á transcendencia da investigación.
Hugo Barreiro e Elena Mosquera, directivos do club, destacaron a trascendencia da vertente solidaria do torneo.