Vigo acolle a terceira edición do Festival das Linguas e as Culturas
O próximo sábado 26 de setembro terá lugar na Praza do Berbés a terceira edición do Festival das Linguas e as Culturas, unha iniciativa promovida pola Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e a colaboración do Concello.
O Concello de Vigo acolle a terceira edición do Festival das Linguas e as Culturas, proxecto impulsado pola Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e que nace no seo da Semana Internacional de Linguas, Literaturas e Tradución. O festival ten como obxectivo poñer en valor a diversidade lingüística e cultural.
A iniciativa foi presentada no consistorio, nun acto no que se destacou a relevancia de reivindicar as Humanidades como un espazo de encontro e pluralidade, achegando as diferentes propostas tanto ao estudantado como ao conxunto da cidadanía.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reiterou a importancia desta diversidade, ademais da necesidade de fomentar o diálogo entre as culturas e as linguas que conviven na sociedade.
O acto contou tamén coa participación de profesorado da Facultade de Filoloxía e Tradución e alumnas de doutoramento da Universidade de Vigo, que explicaron os puntos chave desta terceira edición e deron a coñecer as principais actividades que conforman o programa.