O Concello ofrece transporte gratuíto a 48.000 escolares para achegarlles os recursos educativos e culturais da cidade
O programa Vigo Educa incorpora este ano o traslado para visitar os museos municipais, O Castro e a Vila romana de Toralla. O goberno local inviste 90.000 euros ao ano neste transporte escolar.
O Concello ofrece transporte gratuíto ao alumnado de entre 3 e 18 anos dentro do programa Vigo Educa, unha iniciativa que cada ano facilita a participación de arredor de 48.000 alumnas e alumnos en actividades educativas e culturais por toda a cidade.
O obxectivo, segundo explicou o alcalde, é que os escolares coñezan Vigo a través de visitas e actividades didácticas, facilitando os seus desprazamentos aos diferentes espazos nos que se desenvolven. A programación inclúe propostas como Música na Escola, A Reconquistiña, o Correlingua, visitas a VigoNature ou actividades para a conmemoración de días como o da Muller e a Nena na Ciencia ou o do Medioambiente.
Como novidade, o Concello incorpora ao programa visitas escolares aos museos municipais, co propósito de achegar estes espazos ao alumnado e favorecer que os coñezan e gocen deles. Vigo Educa inclúe tamén visitas ao Castro e á Vila romana de Toralla, ampliando así a oferta relacionada coa historia e o patrimonio da cidade.
Caballero definiu Vigo Educa como un programa de mobilidade educativa que combina aprendizaxe e diversión, permitindo que miles de escolares se despracen gratuitamente para participar nas actividades organizadas na cidade.