Escoitar

Caballero valora a calidade do mexillón da ría de Vigo

O alcalde asistiu este martes á presentación en Vigo da campaña da DOP Mexillón de Galicia, protagonizada por Iago Aspas baixo o lema “Se é galego salta á vista”. A campaña aposta pola figura do futbolista do Celta, coñecido como o “Príncipe das Bateas”, para promocionar un dos produtos máis representativos das nosas rías.

martes, 22 set 2026

Abel Caballero participou este martes na presentación da nova campaña promocional da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, que escolleu a Iago Aspas como protagonista. O acto desenvolveuse na dársena da Laxe, a bordo do Mar de Ons, e serviu para dar a coñecer a nova iniciativa coa que o Consello Regulador continúa impulsando a identificación e a calidade certificada do produto.

O alcalde puxo en valor a relevancia deste produto para Galicia e, particularmente, para as Rías Baixas. “O mellor mexilón do mundo é das Rías Baixas”, manifestou, antes de destacar especialmente a produción da ría viguesa: “Dentro das Rías Baixas hai unha categoría especial. Os da ría de Vigo unha categoría especial”. Caballero felicitou tamén á DOP pola elección de Iago Aspas como imaxe dunha campaña que une dous símbolos estreitamente ligados a Galicia e á ría. O dianteiro celeste protagoniza a nova acción promocional que o Consello Regulador presenta este ano para reforzar a notoriedade da marca Mexillón de Galicia.

A Denominación de Orixe Protexida garante a procedencia e calidade certificada do mexillón cultivado nas rías galegas e conta con máis de 2.000 bateas de produción amparadas baixo este distintivo. “Iago. Eres irrepetible, eres fantástico, eres único, así que viva o mexilón, viva Vigo e viva Galicia”, concluíu o rexedor.

Descargar todas as imaxes