Escoitar

Caballero reclama “inescusablemente” á Xunta a construción dunha nova presa para afrontar as secas

O alcalde recalcou este mércores que os datos das reservas hídricas, cos encoros de Eiras e Zamáns ao 51 e ao 43 por cento respectivamente, así como as indicacións dos enxeñeiros do Colexio de Camiños, Canles e Portos de Galicia apuntando que “Vigo necesita de forma obxectiva acumular auga para garantir o abastecemento”, avalan a súa reiterada demanda á administración galega de construír un novo encoro.

mércores, 23 set 2026

Caballero lembrou que o estudo de alternativas para mellorar o abastecemento a Vigo e á zona sur de Pontevedra, remitido en abril de 2022 polo Ministerio para a Transformación Ecolóxica e o Reto Demográfico ao Concello de Vigo e á Xunta de Galicia, sinala a necesidade de construír unha presa augas arriba do encoro de Eiras. “Hai que encorar a auga e necesitamos unha presa máis pero a Xunta non quere iniciar os traballos para construíla”, afirmou ao recalcar que “a situación empeza a ser moi complicada” e que “non se pode esperar a que chova”.

O rexedor explicou que nestes momentos a presa de Eiras hai auga en boas condicións para 75-80 días, “grazas a que o Concello de Vigo investiu 25 millóns de euros nunha potabilizadora” , e que Zamáns “está peor”, con 14 puntos menos de auga que nas mesmas datas do ano pasado. O alcalde lembrou que en 2017 a seca prolongouse ata o mes de decembro e “se se repite, non temos augas en boas condicións na cidade”.

Descargar todas as imaxes