O Maratón Fotográfico conmemora 30 anos de actividade cunha programación especial
A cita cultural levarase a cabo o sábado 3 de outubro ás 12 horas do mediodía. Esta nova edición celebra trinta anos de aposta pola imaxe cunha fin de semana cargada de actividades que “rodeen a fotografía”.
O Concello de Vigo e a Agrupación Fotográfica Galega presentaron hoxe a nova edición do Maratón Fotográfico de Vigo, unha cita que celebra o seu 30º aniversario cunha programación especial dirixida a fotógrafos expertos e afeccionados.
A XXX edición do Maratón Fotográfico de Vigo, organizada pola Agrupación Fotográfica Galega co apoio do Concello, contará con diferentes actividades entre o 1 e o 4 de outubro.
No acto de presentación da nova edición participaron o concelleiro delegado de Cultura, Gorka Gómez; o presidente da Agrupación Fotográfica Galega, Alfonso Durán; o secretario desta entidade, Lino Escurís, e o vicepresidente da mesma, Ángel Tourón.
Segundo explicou o concelleiro, o Goberno municipal reforza este ano o seu apoio ao Maratón Fotográfico cunha subvención de 12.000 euros, contribuíndo á celebración dunha ocasión especial, co fin de “situar a cidade de Vigo como un referente no ámbito da fotografía neste tipo de concursos”.
A programación comezará o vindeiro xoves 1 de outubro cunha mesa redonda sobre a “Memoria colectiva do Maratón”, liderada por Jesús Nieto, ex directivo da Agrupación, na Casa da Cultura. O venres 2 terá lugar a xornada formativa “Miradas da fotografía galega”.
O certame de fotografía será o sábado 3 de outubro e dará comezo ás 12.00 horas na Praza do Pobo Galego. As persoas participantes deberán realizar fotografías sobre catro temas propostos pola organización, que serán comunicados no momento do inicio do concurso. A clausura do evento será o domingo 4 de outubro cun mercadiño fotográfico e unha festa.
Neste sentido, Gorka Gómez anima á cidadanía a acudir a todas as actividades paralelas, ademais do maratón. Isto permite “poñer en valor o concurso, dinamizalo e xerar novos públicos”, fundamental para que siga crecendo. Tamén reitera o apoio do Concello durante os próximos 30 anos e os que veñan.