Escoitar

A Porta do Sol acollerá 5 concertos de artistas vigueses

O alcalde deu conta da selección de cinco grupos resultante da convocatoria pública municipal para conformar unha programación en directo de artistas locais. Os concertos celebraranse o 3 e 4 de outubro e son gratuítos.

venres, 25 set 2026

“Todo Vigo aos concertos da Porta do Sol” é o convite que lanza Abel Caballero para que a cidadanía se achegue a gozar da música en directo de AamigaFea, Los Kalahari, Marrit, Woyza e Moon Cresta durante a primeira fin de semana de outubro. Avanzou a celebración de cinco concertos coa previsión de un máis que se dará a coñecer en próximas datas.

O sábado 3 de outubro, ás 21:00 horas, o cartel queda conformado, polo momento, por:

-Aamigafea. Dúo de pop electrónico formado por dúas viguesas de Teis que con moita performance reflexionan sobre as vicisitudes da vida posmoderna.

-Los Kalahari. Potente grupo legado de Siniestro Total no que participan exmembros orixinais da banda. Javier Soto, Andrés Cunha, Alberto Cunha e Chus Dasilva ofrecerán un directo enerxético, centrado en revivir os grandes clásicos da banda viguesa.

O domingo, 4 de outubro, ás 20:00 horas haberá concertos de:

- Woyza. Pioneira do hip-hop, soul e R&B, é unha voz representativa da escena musical viguesa. Con máis de dúas décadas de traxectoria, regresa aos escenarios con novo álbum, “Valiosa”.

- Moon Cresta. Suman máis de dúas décadas de traxectoria nas que seguiron arriscando e buscando novos formatos. O seu quinto disco, Zadym, publicado o ano pasado, é o seu proxecto máis ambicioso, con cancións tamén en galego. Desde o ano 1999 compartiron escenario con grandes artistas e bandas. Premio Martín Códax da música ao mellor grupo de rock en 2021.

- Marrit. Martín Rodríguez, músico e compositor vigués con máis dunha década de experiencia sobre os escenarios. Primeiro premio da especialidade de Música de Xuventude Crea 2025. Ofrecerá un directo no que combina baile, introspección e instinto escénico.

Descargar todas as imaxes