O Concello dedica 19,7 millóns de euros ao mantemento, acondicionamento e mellora das infraestruturas viarias
Abel Caballero avanzou hoxe que o investimento, programado para os próximos cinco anos, súmase ao plan extraordinario de asfaltados por 26,5 millons de euros. “Revisamos de forma continua e actuamos sobre as necesidades de todas as parroquias e do centro urbano”, explicou.
O alcalde sinalou que o Concello recibe información actualizada da situación das vías a través tanto do vehículo conectado como dos avisos da cidadanía cursados polo servizo 010. “Cubrimos todas as incidencias. Ocupámonos da vixilancia, inspección e atención a todas as reparacións que teñen que facerse con urxencia”, afirmou Abel Caballero ao incidir en que o Concello atende as necesidades de mellora da extensa rede de infraestruturas viarias, con 1.006 quilómetros de lonxitude das 1.769 rúas”.
O contrato aprobado este venres pola Xunta de Goberno afronta a reparación das vías, beirarrúas, varandas e estatuas, entre outros elementos do patrimonio municipal.
O rexedor sinalou que entre as intervencións programadas atópase o pintado dos túneles, a recuperación de pavimentos deteriorados e afundidos, mellora dos cruzamentos coa instalación de pavimento vermello, alén de reparar aglomerados de rúas como Velázquez Moreno ou Doutor Cadaval. A isto súmase a mellora da rúa Serafín Avendaño ou a conservación da Praza das Apertas de Antón Pulido.
O alcalde lembrou que aos 19,7 millóns de euros do plan de mellora da infraestruturas viarias súmase o plan extraordinario de asfaltados para 372 rúas, das que xa están en marcha ou en proxecto 160 vías, por valor de máis de 26,5 millóns .
Vigo Vertical
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a prórroga, ata setembro de 2027, do servizo de mantemento de todos os elementos mecánicos do Vigo Vertical por 258.000 euros. “Todos os elementos, ramplas, ascensores e escaleiras teñen un seguimento permanente para o seu correcto funcionamento”, recalcou.
Todas as estruturas mecánicas que entraron en servizo nos últimos meses, como as ramplas do Paseo de Granada, Serafín Avendaño ou Pintor Lugrís e Pintor Laxeiro, e o ascensor de Juan Ramón Jiménez, están incluídas na prórroga do contrato.