Escoitar

O Concello adxudicará a construción de 27 vivendas protexidas entre Esturáns e Tomás Alonso

A Xerencia de Urbanismo da próxima semana proporá a adxudicación do contrato que permitirá construír 27 vivendas na intersección de Esturáns con Tomás Alonso. O proxecto conta cun orzamento de 6,4 millóns.

venres, 19 xuñ 2026

O alcalde anunciou que na próxima reunión da Xerencia de Urbanismo proporase a adxudicación do contrato para a construción dun edificio de vivendas na parcela municipal de Esturáns. Cun orzamento de 6,4 millóns, o proxecto prevé a creación de 27 vivendas protexidas nunha zona próxima á intersección con Tomás Alonso.

Tal e como detallou, o contrato inclúe a redacción do proxecto de execución así como a posterior construción do inmoble. A adxudicataria disporá de 3 meses desde a formalización do contrato para presentar proxecto definitivo e outros 24 meses para executar as obras.

O Concello tamén programa vivenda protexida na urbanización do ámbito de Santa Cristina, no que se prevé a creación de 200 vivendas en réxime de protección. O proxecto de urbanización deste proxecto está nestes momentos en período de informe ambiental por parte de Xunta. Tendo en conta que a parcela xa conta coa ordenación, unha vez aprobado o proxecto de urbanización, poderán comezar as obras.

Deste xeito, o Concello xa ten en marcha a construción de 227 vivendas ás que hai que sumar outras 400 rehabilitadas, o que supón que o Concello é administración que máis vivenda protexida promove na cidade.

Descargar todas as imaxes