A Porta do Sol énchese co talento dos participantes na oitava Batalla Mural de arte urbana
A oitava edición da Batalla Mural do programa “Vigo, cidade de cor” encherá de arte a Porta do Sol a partir das 10,00 h de mañá sábado. Trátase dunha iniciativa que pretende promover o talento artístico da mocidade ao tempo que achega a cultura urbana ao conxunto da cidadanía.
O Concello avanza coas actividades da XII edición do programa municipal de murais coa organización mañá sábado da Batalla Mural en Porta do Sol, unha das actividades complementarias máis relevantes. Trátase, lembrou Caballero, dun concurso no que os participantes executan a súa obra sobre unha peza de cartón pluma co material que entrega a organización. A temática é secreta ata o inicio do evento e a obra gañadora formará parte da próxima edición do programa “Vigo, cidade de cor”.
Caballero destacou que o obxectivo é achegar a cultura urbana, especialmente o graffiti e a arte urbana, á cidadanía e conectalo co valor cultural, social e patrimonial da cidade. Ademais, por suposto, de promover o talento de mozas e mozos creadores.
A oitava edición da Batalla Mural celebrarase entre as 10,00 e as 14,00 h e, durante este tempo, organizarase un obradoiro de arte infantil. Ademais, tamén está prevista unha charla sobre arte urbana ás 11,00h na sede do Colexio de Arquitectos, coa participación de Pablo Menéndez e a Fundación Daniel&Carasso.