“La gran aventura del Pollo Pepe” será o primeiro espectáculo infantil do verán
O alcalde anunciou este luns o primeiro dos espectáculos infantís que acollerá o Auditorio de Castrelos dentro do “Vigo en Festas”.
A programación musical do "Vigo en festas" medra cunha nova proposta para o público infantil "a primeira actuación deste verán”, dixo o rexedor, ao desvelar que o 6 de xullo "teremos en Castrelos La gran aventura del Pollo Pepe – El musical”. O espectáculo nace da historia dun dos libros máis relevantes da etapa infantil en España, “un best-seller con máis de 2,7 millóns de exemplares vendidos”, explicou.
Esta adaptación aterra cun espectacular musical no que Pepe emprenderá unha emocionante busca para encontrar a súa nai desaparecida, sempre acompañado dos seus amigos: Clea a porquiña, Ramona a rá e López o can. Caballero indicou “que van emocionar de forma tan notable ás máis pequenas e aos máis pequenos”, cunha escenografía deslumbrante e unha narrativa inmersiva, que atrapará a toda a familia.
Esta cita súmase ao resto de datas confirmadas:
- Deep Purple - 2 de xullo
- La gran aventura del Pollo Pepe – 6 de xullo
- Coral Casablanca - 18 de xullo
- Ópera Carmen - 24 de xullo
- Chayanne - 30 de xullo
- As noites de Zarzuela - 1 de agosto
- Abraham Mateo – 7 de agosto
- Ópera Nabucco - 9 de agosto
- The Corrs - 11 de agosto
- Viva Suecia - 14 de agosto
- Iván Ferreiro - 15 de agosto