Escoitar

Ventura A. Pérez e Alicia Framis amosan a súa proposta artística nos museos municipais

A Casa Galega da Cultura acolle desde o xoves 21 de maio a mostra “Conto atlántico de medianoite” de Ventura Alejandro Pérez e a Casa das Artes recibe desde o 28 de maio a Alicia Framis con “O mar tamén é noso”.

luns, 18 mai 2026
Imaxe da exposición de Ventura Alejandro Pérez
Imaxe da exposición de Ventura Alejandro Pérez

O alcalde avanzou as novas exposicións que acollerán os museos municipais no marco da convocatoria pública realizada polo Concello.

Na Casa Galega da Cultura, espazo para talento creativo de artistas emerxentes de ata 35 anos, poderá visitarse “Conto atlántico de medianoite” de Ventura Alejandro Pérez, desde o vindeiro xoves 21 de maio ata o 16 de agosto. Tal e como explica o autor, a exposición é o resultado dunha investigación doutoral da Uvigo sobre a arquitectura estadounidense e os seus esquecementos, que o artista realizou cunha bolsa Fullbright en Nova York. 40 pinturas, 10 litografías e 2 instalacións que vincula á obra de Urbano Lugrís, que para o artista reflexa nas súas paisaxes a súa experiencia como escenógrafo e que na súa obra mantén vivas as antigas lendas que representaban ao Atlántico como último límite do mundo. O artista trata de unir as dúas beiras do Atlántico, a pintura de Vigo e a arquitectura de Nova York, especialmente aquela que representa figuras recoñecibles.

Na Casa das Artes, configurada como espazo para propostas relacionadas con linguaxes creativas contemporáneas, abre o 28 de maio “O mar tamén é noso” de Alicia Framis, que poderá visitarse ata o 9 de agosto. A artista catalá afincada en Ámsterdam presenta unha mostra interactiva que conecta as mulleres da historia de Vigo coa actualidade en obras de gran formato. É unha homenaxe á sororidade na que conecta a memoria feminina coa contemporaneidade de Vigo a través das novas tecnoloxías, a participación cidadá e a acción performativa. A artista revisou o Arquivo Pacheco recollendo as miradas de mulleres que dialogan con rostros de mulleres do Vigo actual e conta coa colaboración de tres grandes poetas galegas: Chus Pato, Yolanda Castaño e Silvia Penas. Amais, a exposición acompáñase dunha banda sonora creada polo coro feminino Concepción Arenal da Fundación Coral Casablanca, que cantan coa boca pechada, en alusión ás voces femininas censuradas ao longo da historia. A comisaria é Paula Cabaleiro.

Imaxe da exposición de Ventura Alejandro Pérez
Imaxe da exposición de Alicia Framis
Descargar todas as imaxes