Escoitar

As mulleres de entre 76 e 90 anos, o 80% das usuarias dos Coidadores de barrio en 2025

A Xunta de Goberno aprobou unha prórroga de máis de 600.000 euros para estender as prestacións dos Coidadores de barrio ata xullo de 2027. Caballero destacou a relevancia dun programa que o ano pasado atendeu a 404 persoas, 38 máis que en 2024.

luns, 18 mai 2026

O alcalde deu conta da aprobación dunha prórroga ata xullo de 2027 do contrato do programa municipal Coidadores de barrio por importe de 610.895 euros. Deste xeito, continuará operativa unha iniciativa municipal que en 2025 atendeu a 404 persoas -38 máis que o ano anterior – con case 16.000 servizos. Segundo detallou, o 80% dos usuarios son mulleres de idades comprendidas entre os 76 e os 90 anos.

O obxectivo principal do programa é acompañar ás persoas maiores na realización de trámites e labores da súa vida cotiá fóra do domicilio, facilitando a súa autonomía e mellorando a súa calidade de vida. Neste sentido, ao longo de 2025 realizáronse 3.533 recados e paseos, 11.427 acompañamentos para compras en supermercados ou farmacias, 783 acompañamentos a consultas médicas e actividades de ocio, 89 xestións de trámites administrativos.

Ademais, o programa inclúe unha dimensión social orientada a motivar ás persoas maiores a participar en actividades colectivas, favorecendo a relación social e o mantemento dunha vida activa. Entre estas iniciativas figuran as viaxes en barco pola ría, asistencia a espectáculos, actividades específicas do programa municipal para maiores, uso de parques biosaludables, o tren turístico de Nadal e a festa de verán.

O programa Coidadores de Barrio cumpre, así mesmo, unha relevante función de inserción laboral, xa que no último ano 13 persoas atoparon outro emprego.

Descargar todas as imaxes