O Concello avanza nas obras do Vigo Vertical e do Estadio de Balaídos cun investimento de 37,8 millóns
O alcalde destacou este martes o avance das obras da Grada de Gol de Balaídos e dos proxectos do programa “Vigo Vertical” que se atopan en proceso de construción e que supoñerán un investimento de 37,8 millóns de euros. "Neste momentos temos en marcha, só en Balaídos e no Vigo Vertical, obras por 37,8 millóns de euros", recalcou.
Abel Caballero avanzou hoxe que a próxima semana se instalarán as catro ramplas mecánicas da rúa Pintor Colmeiro, por 2,5 millóns de euros, ao tempo que lembrou que en outubro de 2025 o Concello instalou as dúas ramplas de Pintor Lugrís, por 1,6 millóns.
Entre as obras que rexistran importantes avances tamén se atopa a humanización do Paseo de Granada, que conleva a instalación de 4 ramplas mecánicas, por 3,3 millóns de euros. A estes proxectos en marcha súmase o da rúa Serafín Avendaño onde se constrúe unha rampla na proximidade do HALO, por 1,7 millóns.
O alcalde destacou a próxima inauguración do ascensor entre as rúas Romil e Hispanidade, por 1,5 millóns de euros, que creará o final do corredor que parte do Auditorio Mar de Vigo. A este avance, súmase a construción do ascensor entre as rúas Marqués de Valterra e Torrecedeira, por 1,5 millóns.
Caballero incidiu en que nestes momentos o Concello finaliza obras do programa “Vigo Vertical” por 11,5 millóns de euros, así como no avance da reforma da Bancada de Gol que, cun investimento de 26 millóns de euros, “estará lista para ser sede do Mundial de 2030”.
O rexedor explicou que entre os proxectos municipais próximos a finalizar tamén se atopan a remodelación da primeira planta da Casa das Artes e o muro de Navia onde se creará unha nova bancada.